Skip to main content
Monterroso

A área de Caracacho conta cunha nova área de xogos sostibles para os máis pequenos

Por 17 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A zona de Caracacho conta cun novo parque infantil sostible co que se busca crear unha nova zona de xogos poñendo en valor a ruta de sendeirismo do novo ao vello Monterroso, o Miliario de Caracalla e o cruceiro recentemente instalado para visibilizar o Camiño Santo ao seu paso pola localidade.

A actuación consistiu na instalación de elementos infantís nun entorno natural e emblemático como é o Caracacho, polo que o uso de materiais respectuosos e sostibles era prioritario. Os xogos recentemente instalados de Robinia orgánica escollidos proceden de bosques europeos sostibles e son de madeira duradeira, resistente ó clima e polo tanto, moi acordes e adecuados para esta área.

Estes elementos fabrícanse, segundo a Axenda 2030 de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas, con materias primas que conteñen baixas emisións de carbono procedentes de silvicultura sostible cumprindo o obxectivo de redución do 45% de emisións antes do 2030, e polo tanto, creando un parque infantil cunha pegada de emisións de carbono moi baixa acreditada polo certificado de emisións de cada elemento.

Apostouse por escavación de solo natural e un pavimento que amortece en area lavada moi respectuoso co medio ambiente xa que ten menos impacto sobre o entorno que o pavimento continuo de caucho. Esta actuación súmase ás obras de mellora dos dous parques infantís recentemente levadas a cabo, así coma aos plans de novas áreas de lecer que están en proxecto.

Trátase dunha aposta clara pola sostibilidade e especialmente polo visibilización dos entornos naturais de Monterroso para poñer en valor o municipio a nivel paisaxístico e a nivel turístico, mellorando a calidade das prestacións aos veciños e visitantes.