Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Covid marca o retorno ao campos dos equipos da comarca

Por 8 Xaneiro, 2022Sin comentarios

Esta fin de semana retómanse as ligas de fútbol. Moitos son os enfrontamentos que se teñen que suspender debido á incidencia da Covid que afectou directamente a xogadores da comarca. Tralos últimos datos arroxados, a alta capacidade de contaxio vai marcar á volta ao campo dos equipos da Ribeira Sacra.

En Terceira Galicia, no grupo 2, o Lemos B que xogaría contra o SD Rubián foi aprazado. Os monfortinos ocupan o primeiro posto da clasificación empatado a puntos co Rubián polo que este partido era definitivo á hora de aclarar o liderado da táboa.

Por outra banda o Taboada B, penúltimo da clasificación, xogará contra o Sober, terceiro, na Medela hoxe, sábado 8 ás 16:00 horas. Mentres que o outro equipo da vila, o Relámpago Taboada xogará no campo do rival, o Carballedo, o domingo 9 de xaneiro ás 15.00 horas.

No grupo 2B da liga Segunda Galicia, tan só terá lugar o enfrontamento entre o Bóveda e o Brollón, os demais encontros Oural-Río Sil; Quiroga-Incio e Ferreira-Chantada B foron suspendidos.

En Primeira Galicia, no grupo 3A, o Chantada Atlético enfrontarase ao Portomarín no Chao da Poza o domingo ás 15:00 horas. Este enfrontamento estará moi disputado debido a que o Portomarín ocupa o segundo lugar da táboa con 18 puntos mentres que o Chantada Atlético segueo con 17.

Neste grupo tamén, xogarase un derbi comarcal. O Sangoñedo acollerá o encontro entre o Chantada e o Taboada que dará comezo ás 16:15 horas do domingo. O equipo local, que lidera o grupo, xogará contra o Taboada que ocupa o cuarto lugar.

Por último, na liga Preferente Galicia, o Club Lemos enfrontarase na súa casa contra o Ribadeo. Os monfortinos ocupan a cuarta posición da clasificación formando parte do grupo de ascenso, mentres que o Ribadeo o segue dende o posto 7 da táboa. O encontro terá lugar na Pinguela o domingo ás 16:30 horas.