Skip to main content
As Pontes

As Pontes inicia traballos de elaboración do inventario ambiental do Lago

Por 19 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes iniciou esta semana os traballos de elaboración do inventario ambiental do lago co obxectivo de coñecer, conservar e protexer a biodiversidade existente na zona e a súa contorna.

Elena López, concelleira de Turismo, responsable da posta en marcha desta iniciativa sinala que “o noso lago alberga unha importante comunidade faunística e, aínda que incipiente, posúe valores ambientais relevantes· Trátase dun espazo recuperado en proceso de constante naturalización, que vai gañando biodiversidade co paso do tempo, un espazo con altos valores ambientais e unha alta afluencia de persoas o que fai precisa unha ordenación do espazo natural para evitar repercusión ambientais negativas”

Nese sentido Elena López fixo fincapé en que “o fin último deste traballo é concienciar á cidadanía e á poboación local sobre a riqueza natural do Lago das Pontes, amosándoo como unha paraxe natural e de lecer, onde é compatible o uso público coa conservación dunha biodiversidade en constante evolución”.

O inventario ambiental incluirá a recollida de información sobre as comunidades faunísticas, de vexetación e hábitats naturais, focalizado en especies e grupos faunísticos co obxectivo de determinar as áreas sensibles (zonas de reprodución, alimentación ou descanso de aves acuáticas, charcas naturais de importancia para anfibios, …) existentes no lago das Pontes.

Os traballos postos en marcha permitirá realizar unha mostraxe ambiental, de ciclo anual, con visitas quincenais, a través de tres estacións de observación de aves acuáticas e rapaces, localizadas en distintos sectores do lago, co obxectivo de identificar e facer un cálculo das especies existentes para o que se empregarán telescopios e prismáticos.

A mostraxe completarase con catro transeptos a pé de 500 metros cada un deles, tamén en diferentes sectores do Lago, para a observación, directo ou de ouvido, e cálculo de aves de pequeno tamaño.

Os traballos inclúen xornadas de campo para a identificación de mamíferos a través de fototrampeo e gravacións de ultrasóns con gravadoras pasivas e xornadas de campo para observación directa dos anfibios e réptiles tanto no lago como nas charcas naturalizadas,
regos ou cursos fluviais da contorna, nos puntos de auga doce e zonas de elevada humidade.

Tamén se realizará un inventario dos peixes e invertebrados existentes no lago a través da observación directa e a mostraxe dos diferentes hábitats da área de estudo.