Skip to main content
Lugo

Reportaxe: ASORLU unha entidade especialmente afectada pola Covid

Por 13 Febreiro, 2022Febreiro 14th, 2022Sin comentarios

ASORLU é a Asociación de Persoas Xordas de Lugo

ASORLU é unha entidade sen ánimo de lucro que vela polos intereses das persoas xordas, xordocegas e das súas familias en Lugo. Tratan de superar tódalas barreiras de comunicación que limitan e condicionan a participación social en igualdade de condicións das persoas xordas e xordocegas, a través do servizo de intérprete de lingua de signos. O principal instrumento para garantir a eliminación das barreiras de comunicación é o Intérprete de lingua de signos, ao ser o medio que permite establecer unha comunicación simultánea entre persoas xordas, xordocegas e oíntes.

Ademais loitan tamén pola reivindicación dos dereitos das persoas xordas e xordocegas.

ASORLU foi constituída no ano 1975 xorde como un punto de encontro entre as persoas xordas da cidade de Lugo e provincia, co obxectivo de compartir lingua, experiencias, inquedanzas, así como actividades de lecer.
Co paso dos anos consolídase e créanse a maiores servizos para dar cobertura as necesidades que van xurdindo.

Falamos con Daniel Lourés Ferro, presidente da Asociación

Que valores ten a Asociación?

Implicación social, participación, transparencia e defensa dos dereitos das persoas con discapacidade auditiva.

Que obxectivos ten a Asociación?

A misión da ASORLU é acadar a plena inclusión das persoas xordas e xordocegas en tódolos ámbitos da sociedade a través da reivindicación dos seus dereitos e a prestación de servizos que den resposta as súas necesidades.

Que actividades realiza?

Charlas, conferencias e xornadas; actividades de tempo de lecer; visitas guiadas, excursións e viaxes; encontros e festas tradicionais.

Que ten que facer unha persoa que queira beneficiarse dos vosos servizos?

Hai dúas opcións: para poder participar nas actividades en xeral que se organizan, as persoas deben darse de alta como socios/as; e por outra banda, para acceder os servizos non é preciso ser socio/a e poden acceder a eles calquera persoa con discapacidade auditiva ou vinculado a esta.

Cantos socios son na actualidade?

Na actualidade a ASORLU conta cun total de 111 socios e socias.

Que motiva aos voluntarios a colaborar?

A xunta directiva da ASORLU está formada por socios/as de forma voluntaria e sen remuneración, os cales traballan motivados polo mantemento e cumprimento da misión da asociación. Actualmente está formada por:
Daniel Lourés Ferro, presidente.
Verónica Cascudo Cao, vicepresidenta.
Ana Freijido Núñez, secretaria.
Alberto Jesús Mejuto Rodríguez, tesorero.

Como afectou a COVID-19 aos pacientes usuarios?

Sobretodo é a implantación do uso da mascarilla, xa que para nós é fundamental o apoio na lectura labial así como a expresión para comunicarnos, e isto limítanos moito.

Por outra parte, as atencións telefónicas (principalmente no ámbito médico). Dende ASORLU puidemos dar solución a isto ofertando servizo de videochamada con intérprete de lingua de signos.

Que beneficios ten formar parte da Asociación?

Asociarse a ASORLU ten como beneficios ter información e acceso a todo o que implica o movemento asociativo de persoas xordas e xordocegas.

De que forma chegan a máis xente, como se dan a coñecer ou como chega a xente a interesada a Asociación?
Maioritariamente dende os seus inicios foi o boca a boca e agora tamén a través das redes sociais.

Que maneiras existen de colaborar coa asociación?

Aquelas persoas sen discapacidade auditiva poden colaborar facéndose socios/as de ASORLU ou mediante donativos.

Ten algún evento ou actividade próximo en datas?

Debido a COVID nesta tempada vémonos limitados a hora de organizar actividades. Sen embargo no mes de novembro, a pesar de ser con un ano de atraso, celebramos o 45 aniversario da entidade.

Que foi o máis difícil de crear a Asociación?

Naquela época non había intérpretes de lingua de signos, o que dificultou a xestión burocrática. Foi grazas a colaboración desinteresada duns coñecidos oíntes os cales axudaron cos trámites para a posta en marcha da entidade.

Como sobrevive unha Asociación destas características?

A fonte de ingresos da ASORLU, o tratarse dunha entidade sen ánimo de lucro, ven a través da cota de socios/as e de subvencións. Grazas os convenios nominativos da Deputación de Lugo e o Concello de Lugo, podemos ofertar o servizo de intérprete de lingua de signos.

Existe a crenza social que as persoas xordas tamén son mudas, isto non é así na totalidade dos casos, a que se debe esta falta de información? Cre que hai pouca sensibilización social coas persoas xordas?

É certo que se etiquetou as persoas xordas como “xordomudas”, pero é un termo mal empregado, xa que a maioría das persoas xordas o único que teñen afectada é a audición. Non cremos que sexa tanto unha falta de sensibilización, se nón o descoñecemento ou mesmo o uso que se lle da sistematicamente nos medios de comunicación.

Fai pouco o Concello de Lugo anunciou a instalación dun dispositivo Smart no edificio administrativo para a notificación de emerxencias a través de sinais luminosas. Estanse a notar avances en canto a melloras de accesibilidade á información pública para as persoas xordas ou este é un caso aillado?

Hai algúns avances, pero dada a situación actual do emprego das novas tecnoloxías, consideramos que se poderían facer moitas máis cousas, beneficiándose delas.

Pero sen dúbida o principal problema que nos seguimos atopando despois de moitos anos de loita, é a falta de acceso en lingua de signos as 24 horas do día o servizo galego de saúde.