Skip to main content
Lugo

O San Valentín chega á campaña Localmente Lucense

Por 9 Febreiro, 2022Sin comentarios

Hoxe comeza unha nova campaña, enmarcada no movemento Localmente Lucense, para dinamizar a actividade dos barrios e fomentar as compras nos establecementos de proximidade, con motivo da festividade de San Valentín. É unha nova iniciativa que quere incentivar o amor polos barrios Localmente Lucenses a través das campañas estacionais que axudan a dinamizar a vida e a reactivación económica, buscando sensibilizar aos lucenses cunha campaña que contempla accións online e a pé de rúa.

Deste xeito, a campaña inclúe, por un lado, a elaboración e difusión -na páxina web www.localmentelucense.gal e nas redes sociais do Concello, dun vídeo con ideas para pasar un San Valentín #LocalmenteLucense, así como a elaboración de material gráfico, adaptado a cada sector de actividade (restaurantes, florerías, pastelerías, xoierías, centros de benestar, hoteis, librarías, perruquerías, etc.), para que os establecementos poidan utilizar dende as súas propias canles durante a campaña de San Valentín.

E, por outro lado, organizaranse escenas de humor e amor nas prazas das cinco agrupacións de barrios nas que foi dividida a cidade para impulsar o movemento Localmente Lucense. Trátase de escenas e improvisacións, a cargo de dous animactores, que falarán sobre o consumo local en clave de humor e amor polo barrio. Así mesmo, estarán acompañados de dous dinamizadores que repartirán folletos animando a sumarse ao estilo de vida Localmente Lucense. Estas actuacións serán móbiles e realizaranse en prazas e zonas de afluencia de público.

Actualmente, xa son máis de 550 os establecementos adheridos ao proxecto Localmente Lucense, que combina unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios, con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos.

CALENDARIO ACTUACIÓNS

Mércores 9, de 17:00 a 19:00 horas, na zona Leste (barrios da Cheda, A Ponte, Anxo Carro, A Piringalla, A Residencias, Casás, Louzaneta e O Castiñeiro).

Xoves 10, de 17:00 a 19:00 horas, na zona Sur (barrios de Acea de Olga, Augas Férreas, Fingoi, Montirón, Paxariños, Ramón Ferreiro, Recatelo, San Fiz e San Roque).

Venres, 11, de 17:00 a 19:00 horas, na zona Oeste (os barrios da Chanca, Paradai, Castelo, A estación, As Gándaras, Fontiñas, Galegos e Sagrado Corazón).

Sábado 12, de 12:00 a 14:00 horas, na zona Norte (barrios de Albeiros, Garabolos, A Milagrosa, Avenida da Coruña e Barrio Feijoo).

Luns 14, de 17:00 a 19:00 horas, na zona centro (barrios do casco histórico e A Tinería).