Skip to main content
Lugo

Aberto o prazo de solicitude para o uso das instalacións das dúas Casas das Asociacións de Lugo

Por 14 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo abre hoxe luns o prazo de solicitude para a autorización do uso en precario das instalacións das dúas Casas das Asociacións. Un procedemento co que se quere dar continuidade ao labor que vén realizando o tecido social na cidade.

Con este tipo de convocatorias estase a brindar todo o apoio e colaboración posible ás entidades sen ánimo de lucro que actúan no municipio para que poidan seguir realizando o seu traballo. E precisamente, unha das maiores dificultades coas que se atopan é coa procura dun emprazamento no que poder establecerse e desenvolver os seus programas e actividades

Así, estes colectivos poderán optar a manter ou a dispoñer da súa sede tanto na Casa Clara Campoamor, que dispón de 7 locais, un ximnasio e unha sala destinada a biblioteca de uso común, como na Casa María Mariño, que conta con 13 locais, un salón de actos, unha sala de usos múltiples e unha sala de recepción.

As asociacións interesadas en participar na convocatoria, ademais de estar domiciliadas no Concello de Lugo e figurar inscritas no Rexistro Municipal cunha antigüidade de 4 anos, deberán ter un obxecto social coincidente co que perseguen dende os Servizos Sociais Municipais, de xeito que complementen ou contribúan á consecución das funcións que lle son propias. Esto inclúe a prestación de atencións que posibiliten a mellora da calidade de vida e a participación de persoas ou grupos que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva así como a prevención e eliminación das causas que a orixinan.

Quedarán, por tanto, excluídas as entidades de carácter veciñal, cultural, educativas, deportivas, de ocio e tempo libre, xuvenil ou entidades con fins profesionais ou de actividades económicas ou doutro tipo que non sexa social.

Para o seu outorgamento o Concello terá en conta o arraigo e traxectoria da entidade no municipio, a súa representatividade e a súa incidencia na colectividade e sobre as persoas en risco de exclusión social.

A duración da cesión será por un exercicio, prorrogable, por períodos anuais, até un total de cinco e que as solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días a partir de hoxe luns, 14 de xaneiro, logo de que o pasado venres saíra publicada no BOP a convocatoria, na que tamén figuran as normas de uso das dependencias e dos espazos comúns que comparten, entre eles, o ximnasio recentemente habilitado na Casa Clara Campoamor onde se modernizaron os equipamentos a disposición das e dos usuarios.