Skip to main content
Lugo

Nova programación de animación á lectura de febreiro a abril no MIHL

Por 14 Febreiro, 2022Sin comentarios

Presentadas as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. Estas actividades teñen como obxectivo achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero.

Na última edición, realizáronse as actividades nas instalacións do MIHL, para continuar a promover esta instalación e a súa singularidade.

Para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es. As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, nas que xa realizaron durante a ponte de decembro, e estase a dar continuidade entre o 24 de febreiro e o 7 de abril. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

PROGRAMACIÓN FEBREIRO-ABRIL 2022
O xoves 24 de febreiro ás 18.30 horas Trémola Teatro achegará aos nenos de 1 a 3 anos o conto “Que animaliño é?”. A duración é de 30 minutos e conta a historia de Paula que está moi contenta porque o seu pai regaloulle un xilófono. Para darlle as grazas, vai tocarlle unha canción, pero cando empeza a practicar, dunha caixa máxica comezan a saír animais. Quen son?

O seguinte xoves, 3 de marzo, ás 18.30 horas a actividade será para nenos de máis de 3 anos. O conto “O círculo máxico dos contos” interpretado por Marisa Irimia achegará aos nenos un espazo íntimo e irreal onde os sentidos e a maxia das palabras cobran especial protagonismo, un espazo onde só terán que deixarse levar polas historias que se van contar.

O 17 de marzo á mesma hora Talía Teatro contará “Rosa Caramelo e outras historias” aos nenos de máis de 4 anos. Este é un espectáculo que aborda dun xeito lúdico, valores como a igualdade de xénero e a tolerancia na convivencia, a través dos contos de Adela Turín: “Rosa Caramelo”, “A historia dos bonobos con lentes” ou “Artur e Clementina”.

O último xoves de marzo, ás 18.30 horas será a quenda de Raquel Queizás con “Travesías” unhas historias de viaxes cheas de aventuras nas que os nenos maiores de tres anos coñecerán a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. Contos que transmiten valores de igualdade entre nenas e nenos.

O xoves, 7 de abril ás 18.30 horas o Mago Teto achegará a maxia e a lectura a nenos de máis de 4 anos a través de “A maxia dos contos”.