Skip to main content
Lugo

Teatro, exposicións e murais para celebrar o Día de Rosalía de Castro en Lugo

Por 16 Febreiro, 2022Sin comentarios

Lugo contará cunha programación especial arredor do 23 de febreiro para celebrar o Día de Rosalía. O recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira corrixiu a data de nacemento da autora.

A área de Cultura ofrece a concellos, asociacións e centros educativos un catálogo de actividades para Vicepresidencia programará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, representacións teatrais, intervencións artísticas e exposicións, que se sumarán á oferta didáctica dos museos da Rede Museística Provincial.

Estas son propostas moi diversas, que se adaptan a diferentes espazos e públicos, que invitan a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como autora cabeceira da literatura galega pero tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura.

Con este catálogo de propostas,o tecido asociativo e os concellos poderán apoiar a revalorización da figura de Rosalía e seguir impulsando o carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década.

EXPOSICIÓN ITINERANTE

O 23 de febreiro inaugurarase na Praza de San Marcos a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, unha mostra promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro que recolle a historia dun logro colectivo como foi a musealización da Casa da Matanza, en Padrón, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

Trátase dunha exposición exterior artellada arredor dunha estrutura de aluminio encrucillada, que suxire un espazo doméstico, e que recolle, a través de imaxes de gran formato e breves texto, a historia da Casa de Rosalía en seis capítulos.

A mostra permanecerá en San Marcos durante tres semanas e, a finais de marzo, iniciará unha itinerancia que a levará a outras sete localidades.

Unha lámina e un cravo, agasallo dos museos da Rede polo Día de Rosalía

Ese mesmo día, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema “Quixente tanto, neniña” de Cantares Galegos. As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos.

TEATRO 

A programación da área de Cultura arredor de Rosalía tamén inclúe representacións das obras teatrais “Libre coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico, e “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, que teñen como nexo estaren inspiradas na obra e na figura da autora.

A montaxe de Teatro do Atlántico, protagonizada pola actriz María Barcala, bota man de textos de Rosalía de Castro, proxeccións e música de Vadim Yukhnevich, para debullar o pensamento da autora que declara non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa e adopta unha posición de compromiso coa lingua do seu país e de denuncia da traxedia da emigración ou das condicións de vida das mulleres.

“A viaxe de Rosalía” é un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro, representado pola narradora e titiriteira Larraitz Urruzola que, con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, achega ao público á biografía da autora e a parte da súa obra.

MURAIS HOMENAXE

O muralismo terá un ano máis o seu lugar nesta programación cultural. Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft, realizarán murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos, atendendo ás peticións de concellos, asociacións e centros escolares. En total, realizaranse nove intervencións artísticas.

ACTIVIDADES MUSEOS

Con motivo da celebración do día de Rosalía de Castro, a Rede Museística Provincial de Lugo ofrece unha programación de actividades didácticas que terán como eixo central os conceptos de “terra” e “migración”, fundamentais na obra da poetisa. Os catro museos da Rede acollerán obradoiros entre o 19 e o 26 de febreiro. Cómpre inscrición no enderezo electrónico concertacionsrmp@gmail.com

Ademais, o mércores 23 de febreiro as comunidades dos catro museos uniranse virtualmente nunha lectura conxunta da obra de Rosalía de Castro, a partir das 12.00 horas.

A Rede Museística tamén porá a disposición de centros educativos e familias unha unidade didáctica sobre Rosalía de Castro, que poderá descargarse na web comunidadermpl.es

COLABORACIÓN COA AELG

A Vicepresidencia da Deputación sumarase aos actos organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o día 23 de febreiro no Parque de Rosalía de Lugo (12.00 horas): unha ofrenda floral, a lectura do manifesto “Semetando pensamentos” e unha lectura pública de poemas e textos de Rosalía de Castro.