Skip to main content
Lugo

O programa ‘Sen Teito’ de Lugo contará cun orzamento de 90.000 euros

Por 18 Febreiro, 2022Sin comentarios

A atención das persoas sen fogar da cidade de Lugo contará cun orzamento incrementado nun 15%. En total contará con 90.000 euros anuais no programa municipal ‘Sen Teito’ posto en marcha polo Concello de Lugo e que se desenvolve en colaboración con Cruz Vermella e Alume, con varias liñas de actuación.

Un dos obxectivos fundamentais é detectar a persoas que poidan atoparse en situación de rúa, ofrecéndolle os recursos dispoñibles, estes pasan, entre outras prestacións, por unha atención diúrna nas propias instalacións destas entidades, onde poden facer uso, no Caso da Cruz Vermella, de duchas, vestiarios, aseos, cociña e lavandería, e inclúe igualmente a realización de diferentes actividades encamiñadas a adquirir habilidades que favorezan a súa integración.

Por outra banda, Benestar facilita tamén unha vivenda para o uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio e formación para dotarse dos recursos que lles permitan recuperar a súa autonomía.

A inquietude e dedicación para atallar a vulnerabilidade que sofren estas persoas é máxima e permanente durante todo o ano.

Actualmente non hai ningún caso desatendido por deficiencias dos servizos sociais ou insuficiencia de recursos públicos, que resulta de vital importancia a aplicación de protocolos e procedementos estritamente técnicos e rigorosos.

Durante o 2021, o albergue municipal acolleu a un total de 1.201 persoas, 1.011 homes e 190 mulleres, cunha media de ocupación de 100 usuarios/as ao mes.

Dependencias nas que, logo da ampliación realizada, existe capacidade para acoller a máis de 30 persoas ao día e nas que se cumpren escrupulosamente as pautas COVID establecidas, garantindo así a seguridade de todos e todas, incluído a do persoal que atende as instalacións.

Para aquelas situacións nas que sexa preciso ou se considere conveniente, o programa ‘Sen Teito’ ofrece tamén aloxamento en hostais da cidade.