Skip to main content
Lugo

A Deputación de Lugo investirá 303.319 euros na instalación dunha plataforma de baño pública no Miño

Por 18 Febreiro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un novo convenio de colaboración co Concello de Lugo a través da achega 303.319,94€, para a instalación dunha plataforma de baño pública no parque do Miño. A institución provincial aporta deste xeito o 80% do total do investimento necesario para acometer esta actuación.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que “coa aprobación deste novo convenio, o Presidente da institución, José Tomé Roca, cumpre coa súa palabra de manter o mesmo compromiso económico para habilitar esta dotación de lecer tan importante para o concello de Lugo”.

“Como xa explicamos, o convenio de colaboración que existía entre a Deputación e o Concello de Lugo para a finalidade do espazo fluvial de baño no Miño, formalizado no ano 2010, quedou sen vixencia. Na Xunta de Goberno deste venres acordouse así a resolución dese acordo e, ao mesmo tempo, aprobouse un novo convenio, co que se axiliza a tramitación administrativa.

García Porto insistiu que “isto dá boa conta do firme compromiso da Deputación por colaborar co Concello de Lugo, como o demostran tamén outras actuacións tan importantes para o futuro da cidade como son as obras de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, nas que dende a institución provincial estamos investindo 1,4M€”.