Skip to main content
Lugo

O Folión dá o pistoletazo de saída ao Entroido de Lugo

Por 23 Febreiro, 2022Sin comentarios

Onte deu comezo o entroido co Folión organizado pola Tradescola. Con esta saída polo centro da cidade puideron facer que todo o público lle dera a benvida ao Entroido e puidera participar de maneira activa, acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido permaneza viva ao longo do tempo.

O Entroido 2022 conta en total con 15 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa. Ademais, destaca a volta do concurso de disfraces que o ano pasado non se puido realizar debido á pandemia.

O venres 25, as actividades continuarán co Pregón do Entroido, a cargo do músico local David Taboada, que por primeira vez se realizará fóra do Salón de Plenos, facilitando o acceso da veciñanza a este acto. O Pregón terá lugar na praza Maior a partir das 20.00, e unha vez remate continuarase coa coa actuación musical da charanga Unión Phenosa polo recinto histórico.

O sábado 26 a animación comezará a partir das 12.30, coa actuación da Tambukada, que continuará ás 14:00, ambas actuacións pola zona centro. A partir das 17:00, terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Kote Malabar, e a partir das 20.30, a charanga Asociación Amigos da Terra Chá.

O domingo 27 a praza Maior contará coa gala de circo de Entroido Introitus, interpretada por Culturactiva.

O luns 28, a compañía de teatro Down Lugo e Cía realizará o seu espectáculo Ti te me deixas querer? no fondo da praza Maior ás 19:00, e a partir das 20:30 a charanga OT animará as rúas do centro da cidade.

O martes 1 de marzo a partir das 12.30 sairá da praza Maior o espectáculo itinerante Pakonstein, a cargo da compañía Discípulos de Morales. Pola tarde terá lugar o concurso de disfraces en categoría adulta, a partir das 17:00 na praza Maior, e ás 18.30 a charanga Paradela realizará animación de rúa polo centro da cidade.

As actividades do Entroido rematarán o venres 4 co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro