Skip to main content
Lugo

Os veciños da Mosqueira poderán usar os estacionamentos municipais mentres duren as obras

Por 27 Febreiro, 2022Sin comentarios

A veciñanza afectada polas obras de peonalización da Mosqueira mantivo un encontro coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez co fin de buscar unha solución á problemática xerada polas obras.

En total, ao redor dunha vintena de persoas que, debido aos traballos de peonalización da vía que se desenvolven actualmente, tardarán varias semanas en poder acceder cos seus vehículos a estes inmobles.

Así, Lara Méndez ofreceulles unha alternativa de estacionamento mentres non finalicen os labores e perduren as restricións na circulación.

“Somos conscientes da importancia que terá esta actuación para a cidade no seu conxunto, en tanto reverterá nunha tripla vertente: medioambiental, paisaxística e de protección ao patrimonio pero fundamentalmente para a mobilidade pola zona. Porén queremos buscar solucións ás limitacións que estes traballos están a ocasionar ás familias que residen na rúa e que, durante todo este tempo, non poderán empregar as prazas de aparcamento dos seus edificios coas conseguintes molestias que iso supón”, afirmou a rexedora.

Méndez explicoulles hoxe que, “ao tratase dunha situación excepcional, pola duración das tarefas e debido á imposibilidade de empregar os garaxes mentres tanto, o Concello lles facilitará que poidan deixar os seus coches nos aparcamentos municipais, de forma temporal, ata que se poida restablecer o tráfico rodado neste treito da Rolda da Muralla.

Unha medida que as e os beneficiarios agradeceron e cualificaron moi positivamente e que a alcaldesa enmarcou “na relación de diálogo permanente que mantemos coa cidadanía lucense en todos os barrios da cidade, para interesarnos pola súa situación e tratar de atender sempre as demandas e necesidades que nos trasladan”, concluíu a rexedora.