Skip to main content
Burela

O 8M de Burela recoñecerá a Gloria da Corneta o seu amor pola vila

Por 5 Marzo, 2022Abril 11th, 2022Sin comentarios

A Concellería de Muller e Igualdade organiza varias actos para conmemorar o Día Internacional da Muller. A fachada da Casa do Concello estará iluminada de violeta, o 8 de marzo procederase á lectura dun manifesto institucional e realizarase un acto público de recoñecemento a Gloria González Niñe, dándolle o seu nome a unha travesía da vila. 

A edil de Muller e Igualdade explicou que “durante a semana do 8 de marzo iluminaremos a fachada da Casa do Concello de violeta. Tamén durante a vindeira semana a biblioteca municipal habilitará un espazo na planta baixa no que estarán expostos diversos libros sobre mulleres referentes na historia e na cultura, libros sobre diversidade, igualdade e feminismo entre outros”.  

Noelia Mª Ben subliñou que “a Concellería de Muller e Igualdade e a Biblioteca Municipal traballamos en común para a creación do Espazo Violeta, co obxectivo de dar maior visibilidade a esta temática e acercala á cidadanía, a través da lectura. Ponse así en marcha unha iniciativa das recollidas no Plan de Acción Municipal para a Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Burela. Este espazo, dirixido a nenos e nenas, reunirá libros que abordan temas como a violencia de xénero, feminismo, diversidade, igualdade, coeducación…

Parte destes libros xa formaban parte do fondo da biblioteca, e pasarán a reubicarse neste espazo, e outros serán novas adquisicións”.

A concelleira burelesa seguiu a relatar que “xa o propio 8 de maio ás 12 da mañá na Praza do Concello faremos a lectura do manifesto institucional deste día e procederemos a realizar un acto público de recoñecemento a Gloria González Niñe, veciña de Burela que amosou e amosa publicamente o seu amor á vila que a viu nacer de múltiples maneiras e así para darlle as grazas por ser un referente na historia recente de Burela. Imos poñerlle Gloria da Corneta a unha das travesías da nosa vila”. 

Noelia Mª Ben lembrou que “a asignación de nomes de mulleres senlleiras da comarca á guía de rúas de Burela e a outros espazos municipais (edificios públicos…) é unha das medidas recollidas no Plan de Acción Municipal para a Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Burela”. 

A concelleira de Muller e Igualdade engadiu que “remataremos esta semana de celebracións arredor do Día da Muller con teatro. A compañía De Ste Xeito representará Feminíssimas na Casa da Cultura de Burela o 18 de marzo ás nove da noite. Trátase dunha comedia negra…moi violenta. O prezo das entradas  na billeteira será de 3 euros. Queremos convidar a toda a veciñanza a participar nesta programación, que elaboramos desde o Concello de Burela”.