Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo ultima a obra de sanemento en Vilastrofe

Por 19 Marzo, 2022Sin comentarios

Estanse a executar os últimos pasos dunha actuación que, ademais do saneamento, substituirá as canalizacións do abastecemento de auga e construirá unha planta depuradora de augas residuais.

O concello de Cervo está a finalizar a obra que levará o saneamento, así como tamén unha planta de depuración de augas residuais, ao núcleo de Vilastrofe, na parroquia de San Román.

Esta actuación, que se dividiu en dúas partes, foi iniciada a finais do ano 2021. Nestes momentos, estanse a dar os últimos pasos para rematar a execución da obra.

O rexedor, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a edil de Obras, Mali Méndez, achegáronse ata a zona de actuación xunto co pedáneo e veciños de San Román para comprobar, de primeira man, o avance das obras.

Con esta actuación vaise dotar ao núcleo de Vilastrofe de redes de saneamento de augas pluviais e fecais, substituír os tramos de canalizacións de abastecemento de auga potable existentes, así como tamén a execución dunha planta de depuración de augas residuais acorde ao tamaño do núcleo de poboación, e a súa posible expansión posterior.

Tamén se contempla a pavimentación de todo o ancho das vías afectadas, que desembocará na construción de cunetas transitables nos puntos onde sexa necesario.

O orzamento desta obra elévase a un total de 127.667 euros, financiados todos eles con fondos procedentes do remanente das arcas municipais.

Alfonso Villares: “Esta obra forma parte do conxunto de actuacións que levamos a cabo desde o noso equipo de goberno co obxectivo de dotar do máximo número de servizos básicos posibles aos núcleos de poboación rurais do noso municipio, tentando equilibrar así o nivel de convivencia coas zonas urbanas”.

“Con esta actuación imos incrementar o conxunto de infraestruturas básicas na parroquia de San Román, conseguindo unha mellora na calidade de vida para a veciñanza e facilitando as condicións a todos aqueles que se queiran instalar para vivir aquí”.