Skip to main content
Lourenzá

A alcaldesa de Lourenzá considera de moi mal gusto que o PP faga política coa rehabilitación do mosteiro

Por 29 Marzo, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, considera que “é de moi mal gusto que o PP faga política coa rehabilitación do mosteiro xa que quedaramos os tres grupos en traballar unidos, para o que se creou unha mesa de traballo da cal forma parte o voceiro do Partido Popular. Parece que a única intención que ten é  romper con esa mesa de traballo, na que o señor Rodríguez foi informado de que son as normas europeas as que non deixan cabida a cesións demaniais deses edificios, é dicir que os convenios de cesión que se firmaron entre os concellos e o Bispado non serviron xa que eses bens tiñan que ser de titularidade pública. De feito, parece que o voceiro popular non se decata de que non só foi o Mosteiro de San Salvador senón que tiveron que ser retirados do Plan Turístico Nacional todos os edificios que non fosen de titularidade pública de toda España”.

A rexedora municipal laurentina engade: “lamento moito esta actitude xa que deberíamos estar todos unidos traballando para buscar novas vías de financiamento para a rehabilitación do mosteiro e non facendo política de algo tan serio. Agradezo a postura sempre colaboradora do BNG de Lourenzá neste tema porque me consta que é un tema que lles preocupa, e no que toca arrimar o ombreiro. Paréceme vergonzoso que o voceiro do PP aproveite a situación para crear controversias e polémicas, cando debería axudarnos a buscar novas solucións en vez de andar botando culpas aos demais. Está claro que empeza a carreira de cara as próximas eleccións e a algúns non lles importa intentar sumar puntos a toda costa, aínda que sexa con cuestións nas que o concello perde. Sinto pena de que non reme con nós, co BNG e co PSOE, nun tema tan serio e tan importante para Lourenzá, deixando de lado as cores políticas”.

Rocío López aclara que “dende o comunicado que nos enviaron da Xunta de Galicia e que recibiron da Secretaría de Estado de Turismo do goberno central parece que deixaron aberta a vía para que en futuras anualidades puidesen concorrer proxectos privados, é dicir o Bispado como propietario do inmoble. Nós, pola nosa parte, seguiremos traballando nesa mesa xunto co BNG para dirixirnos a todas as administracións e ver outras vías de financiamento posibles para conseguir fondos para unha futura rehabilitación”.

A alcaldesa remata comentando: “efectivamente alegrabámonos porque era unha boa nova para Lourenzá e para todos os laurentinos. Daquela o voceiro do PP non se alegrou nin chisco porque pensou que era un mérito do equipo de goberno, pero o señor Rodríguez alegrase hoxe desta mala nova. Que triste esta actitude!”.