Skip to main content
Trabada

A CHC finalizou os traballos de mantemento nos leitos de varios ríos de Trabada

Por 17 Marzo, 2022Sin comentarios

Antes e despois das actuacións no río Eo en Abres

Antes e despois das actuacións no rego Vidal en Trabadela

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico finalizou os traballos de mantemento e conservación nos leitos de varios ríos do termo municipal de Trabada. Actuouse no río Trabada, na contorna da Ribela, no río Eo, nas inmediacións de Abres, e no rego de Vidal, nas proximidades de Trabadela. A lonxitude total destas actuacións ascende a 2713 m de leito.

Os traballos principais consistiron na retirada de árbores e restos vexetais acumulados en diferentes tramos do leito, así como a talla de árbores secas, enfermos ou con risco de caída, e a realización de labores de poda.

Estes traballos, cun investimento de 35.536,03 €, realizáronse a través da empresa pública Tragsa dentro do Programa de mantemento e conservación de leitos que desenvolve a Confederación Hidrográfica do Cantábrico fóra das zonas urbanas, nas que os labores de conservación e mantemento de leitos
son competencia dos concellos. Durante o pasado ano 2021 investíronse en Lugo 528.178,01 € repartidos en 42 actuacións en 14 municipios.