Skip to main content
Antas de Ulla

Dous carballos de Antas de Ulla poden ser incluídos no Catálogo Galego de árbores senlleiras

Por 27 Marzo, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia somete a información pública as solicitudes para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de cinco novos exemplares en diferentes puntos da Comunidade. En concreto, trátanse do carballo de Amoexa e do de Santa Cristina, os dous en Antas de Ulla; dun braquiquito (ou árbore botella) e dun castiñeiro, ambos no concello de Nigrán; e da magnolia soulangeana de Tabagón, localizada no municipio do Rosal.

Cómpre lembrar que o fin de solicitar a inclusión dun exemplar ou formación arbórea no catálogo é garantir a súa conservación en atención ás singularidades e características polas que merecen ser preservados e inventariados a través desta ferramenta.

Así, no caso dos exemplares de Antas de Ulla, ambas solicitudes baséanse nas súas dimensións. O primeiro dos candidatos é o carballo de Amoexa, de 18,5 metros de altura e 6,2 metros de perímetro, e o segundo, trátase do carballo de Santa Cristina, que chama a atención polo seu gran tamaño: 25 metros de alto e 6,2 metros de contorno.

Proceso de participación durante 20 días
Tras a publicación do anuncio no DOG o pasado 23 de marzo, ábrese agora un período de 20 días hábiles para que todos os interesados en participar no proceso de información pública poidan achegar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á inclusión destes cinco elementos no catálogo.

A tal fin, a información relativa a estes expedientes está dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro —Santiago de Compostela— e nas xefaturas territoriais de Medio Ambiente en Lugo e Pontevedra, aínda que tamén pode examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

En todo caso, cómpre precisar que o período de información pública é un trámite preceptivo dentro do procedemento de catalogación ou descatalogación como árbore senlleira de calquera exemplar ou formación, pero non implica nin garante necesariamente que todas as inclusións propostas saian adiante.

Unha ferramenta en constante actualización
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da Castiñeira de Ramil.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 182 elementos —144 exemplares e 38 formacións arbóreas— pertencentes a 79 especies diferentes.