Skip to main content
Lugo

Deron comezo os traballos de humanización de Fingoi de Abaixo

Por 3 Marzo, 2022Sin comentarios

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que veñen de comezar os traballos de humanización de Fingoi de Abaixo, onde se aplicará o modelo de plataforma única, que permitirá adicar o espazo ao tránsito peonil sen afectar ás prazas de estacionamento da zona. “Trátase dun proxecto importante para a mellora da accesibilidade no barrio, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, dado que se trata dunha zona na que o tráfico maiormente é residencial”, explicou Rubén Arroxo.

Na actualidade, as beirarrúas da zona non chegan a cubrir o ancho mínimo esixido pola lexislación, e o asfalto conta cunha banda de rodadura moi deteriorada, o que afecta tanto á seguridade viaria como á capacidade de evacuación de augas pluviais. O Tenente Alcalde explicou que “o modelo de plataforma única que se vai aplicar nestas zonas demostrou a súa viabilidade en rúas estreitas como as de Fingoi de Abaixo”

Xunto coa transformación da zona, renovarase tamén o alumeado público, avanzando na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores á instalación actual, e cunha tonalidade máis agradable. Rubén Arroxo explicou que “o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cunha iluminación máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético”.

A actuación supón un investimento de 111.979€ e terá un prazo de execución de 4 meses.