Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo recibirá o Premio Cegasal pola inclusión laboral de colectivos vulnerables

Por 4 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo será recoñecido hoxe venres co Premio Cegasal á Administración local máis comprometida de Galicia cos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social.

O galardón será recollido durante a celebración da V edición dos Premios organizados por esta Asociación Empresarial, que se celebrará no Teatro Principal de Ourense.

A este respecto, a rexedora quixo ratificar a vontade do Goberno Local, xa dende o mandato anterior, de “pular pola inclusión efectiva dos colectivos vulnerables e das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos”.

Así, Lara Méndez lembrou que a Xunta de Goberno vén de adxudicar á empresa Coregal Parques e Xardíns o Plan de Embelecemento a través do cal se acometerán pequenas intervencións que mellorarán a conservación e acondicionamento dos barrios da capital cun investimento de 260.000 euros en dous anos, parte deles, ao abeiro da Estratexia Dusi – Muramiñae, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER.

“Este é só un dos contratos que reservamos a Centros Especiais de Emprego ou Empresas de Inserción reguladas, pero temos outro exemplo na atención que se dispensa ao público nos centros de convivencia da cidade. A nosa aposta pola inserción laboral alcanza tamén ao cadro de persoal municipal, cun total de 5 traballadores – 2 funcionarios de carreira e 3 interinos – que exercen na Administración local, unha cota que agardamos seguir ampliando coa convocatoria de 8 prazas máis, tal e como contemplan as OPE’s en vigor”, sinalou a rexedora.

O Concello impulsa políticas transversais de integración dende a área de Benestar pero tamén dende Desenvolvemento Local, en alusión á posta a disposición de varias vivendas municipais dotadas con todas as prestacións domóticas necesarias para permitir unha vida autónoma, así como a organización da I Xornada Speed Networking, unha iniciativa que contou cunha elevada participación e que tiña como meta poñer en contacto a persoas traballadoras e desempregadas con diversidade funcional e a empresas de diferentes sectores que desenvolven a súa actividade en Lugo para poder establecer entre elas redes de contactos.

Trátase de fomentar, dende tódolos eidos posibles, unha igualdade plena de toda a cidadanía, tamén dende o aspecto físico, eliminando barreiras como pode ser un pavimento de lastras ou os bordos nos pasos peonís, pero tamén creando infraestruturas como os elevadores de Fontiñas e o Sagrado Corazón ou a pasarela de San Roque.

A alcaldesa lucense manifestou a súa satisfacción pola concesión do premio Cegasal, “en tanto recoñece o labor municipal ao tempo que axuda a visibilizar o compromiso do Concello pola inclusión real das persoas con discapacidade”, concluíu Lara Méndez.