Skip to main content
Lugo

Lugo di adeus ás máquinas do sistema Ora

Por 11 Marzo, 2022Sin comentarios

As máquinas do sistema Ora teñen os días contados. A alcaldesa, Lara Méndez, vén de dar orde para proceder á súa retirada.

Cando só resta unha peza separada, de tipo penal, para concluír definitivamente todo o proceso legal que afectou á licitación deste servizo, a rexedora lucense iniciou o procedemento para sacar das rúas estes parquímetros, actualmente en desuso.

Unha decisión que obedece á necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificulten a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade ao tempo que se evita un foco de confusión para visitantes que descoñecen que, actualmente, estas máquinas non se atopan operativas.

A este respecto, a actuación concorda cos cambios da mobilidade urbana que está a experimentar Lugo, baixo parámetros de sostibilidade. Onde ao tempo que se incrementan os espazos restrinxidos ao tráfico rodado e proxectan zonas de baixas emisións, se procura disuadir máis do uso do vehículo particular fronte ao transporte colectivo fomentando a utilización doutros medios como a bicicleta, a través da recente senda ciclista de máis de 14 quilómetros de lonxitude e habilitando máis e mellores estacionamentos nos diferentes barrios da capital.

En total, quitaranse ao redor de 60 postes ao abeiro dun contrato de tipo menor.