Skip to main content
Lugo

Comezan os traballos de renovación de elementos urbanos na cidade de Lugo

Por 14 Marzo, 2022Sin comentarios

Esta mañá comezaron os traballos de renovación de elementos urbanos da cidade que ten como fin acondicionar diferentes zonas verdes da capital que precisaban dalgún arranxo. O inicio destes labores tiveron lugar no parque de Fontiñas coa substitución do valado de madeira .

Son pequenas intervencións que, terán un gran alcance na confortabilidade que ofrecen estes espazos grazas á mellora que suporá para a súa seguridade e para a súa imaxe a renovación dos peches perimetrais, dos pavimentos ou do mobiliario urbano que conteñen e que, a continuación, se porán a disposición da cidadanía para o seu uso e desfrute en excelentes condicións.

Estas actuacións, orzamentadas en 48.312’88 euros, se estenderán posteriormente por outros puntos da capital como o parque Marcos Cela, a contorna da Estación do Ferrocarril, a Avenida de Magoi ou o paseo fluvial do Miño. En total, o Concello agarda que as tarefas non se prolonguen máis aló dun mes, a fin de que, de cara a primavera, os veciños poidan gozar das contornas xa renovadas.

As obras consistirán, fundamentalmente, na adecuación e instalación de diversos elementos presentes neses parques e zonas verdes da cidade, facendo especial énfase na rehabilitación de valados, a adecuación de superficies de paso, a colocación de bolardos así como a renovación de bancos e mesas.

Deste xeito, no parque de Fontiñas, se substituirán varios tramos do peche de madeira do recinto (120 m) e, a maiores e debido á orografía e ao estado no que se atopa o firme do paseo, acometerase tamén unha estabilización do terreo mediante a execución dun bordo de madeira, a instalación dunha lámina de xeotextil e unha achega de terra vexetal ao longo de 12 metros lineais.

No caso do Parque Marcos Cela, renovarase o valado perimetral externo da área infantil, cunha lonxitude total de 100 metros, e farase un lavado dos chanzos de formigón existentes que dan acceso ao mesmo desde a vía e a execución dun novo bordo de formigón que asegure ditas escaleiras cunha lonxitude total de 150 metros. Por outra parte, no paseo propio que conecta este Parque coa Volta da Viña e a Avenida de Magoi se rehabilitarán 24 metros de cerca e se instalarán outros 100 metros a maiores.

Xa no aparcamento existente na marxe oeste da rúa Montero Ríos, á altura do paso superior ás vías do tren, existe un valado perimetral de madeira que é danado sistematicamente polos vehículos que o usan. Aquí colocarase unha liña de bolardos, retranqueados a 1’5 metros dende o cerrume e separados entre si a esa mesma distancia, para evitar que continúe a deterioración do mesmo.

E na confluencia da Avenida de Magoi e a Rolda da República Arxentina, o Concello actuará sobre dúas parcelas, sen edificar, nas que se extraerán os 200 bolardos que as delimitan actualmente para evitar o estacionamento de vehículos no seu interior e se cimentarán e substituirán, na mesma proporción, por outros novos.

Na zona verde do Paseo Fluvial do río Miño, e logo de que nos últimos anos se realizaran diversas actuacións para mellorar as inmediacións, agora procederase á instalación de 4 mesas tipo picnic e a renovar os 14 bancos mediante un lavado a presión da superficie e a renovación das lamas de madeira que se atopen estragadas.