Skip to main content
Lugo

‘Petiscando libros’ unha iniciativa desenvolta polos estudantes da USC

Por 26 Marzo, 2022Sin comentarios

Alumnado das materias de Literatura e Arte e de Literatura Infantil e Dramatización que imparte a profesora Rocío G. Pedreira na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC dan vida á nova bitácora de literatura infantil ‘Petiscando libros’, un repositorio virtual a través do que se ofrece á sociedade unha cada vez maior relación de títulos, clasificados en función da temática que tratan e enriquecidos con críticas, resumos, recensións e mesmo con posibles actividades didácticas a desenvolver elaboradoras polos futuros mestres de Educación Infantil e Educación Primaria.

O nacemento deste aínda modesto blog, no que xa se contabilizan máis de 40 títulos e que aspira a sumar máis de 120 ao remate do presente curso, é un dos froitos do club de lectura impulsado por Rocío G Pedreira entre o seu alumnado do grao de Mestre en Educación Infantil e do dobre grao de Mestre en Educación Infantil e Primaria, aos que de xeito periódico achega un amplo abano de obras para que, logo do pertinente proceso de escolla en función dos gustos e preferencias de cada quen, amplíen os seus coñecementos sobre a literatura infantil e o seu aproveitamento didáctico na aula.

O traballo de clase desenvolvido polos futuros mestres e mestras transcende a realidade da aula a través do blog Petiscando libros, unha web sinxela, segundo recoñece a Rocío G. Pedreira, que permite ao alumnado familiarizarse co manexo das tecnoloxías de edición dixital e, sobre todo, que posibilita compartir o traballo con todo o público interesado.

‘Petiscando libros’ é un guiño a prol da creación literaria, pero tamén un exercicio que permite facer visible as potencialidades da literatura como ferramenta pedagóxica e didáctica, tanto para os futuros mestres como para o estudantado máis cativo. “Certo é que a idea callou moi ben entre o alumnado”, recoñece Rocío G. Pedreira, ao tempo que comenta que, “aínda que é unha actividade bastante laboriosa, o resultado está a ser moi satisfactorio”.

Este blog, que abrangue distintos xéneros (cómic, álbums ilustrados…) e temáticas, na actualidade inclúe títulos como ‘Historia de un oso’, ‘El perro negro’, ‘Sirenas’, ‘La princesa No’, ‘Los tres cerditos aviadores’, ‘¿Cuándo se irán estos?, ¿Por qué lloramos?’, ‘Bonitas’, ‘Guapa’, ‘Mi miedo y yo’, ‘Tipos duros’, ‘Tengo una mamá y punto’, ‘Tu cuerpo es tuyo’…, constitúe unha proposta modesta, pero que está aberta á incorporación de novas seccións, temáticas e mesmo calquera tipo de contido relacionado, sinala Rocío G. Pedreira, quen ve en ‘Petiscando libros’, unha pasarela acaída para “transitar” por calquera tipo de obra.