Skip to main content
O Incio

O Incio aproba por unanimidade a cesión dun novo local para a Garda Civil

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

O pleno celebrado no día de onte, 29 de marzo, no Incio tivo como resultado a aprobación por unanimidade a cesión dun novo local para a Garda Civil. Esta instalación atópase entre a Casa Consistorial e o antigo mercado gandeiro favorecendo unha mellor localización e centralización do servizo.

A Garda Civil conta no Concello cun posto auxiliar que depende do cuartel de Sarria ao que acoden dúas veces por semana, aproximadamente. As instalacións actuais están nun inmoble propiedade do Concello na Rúa Rodeiro, ao que se poderá dar outro uso e sacar rendibilidade. Expoñendo como posibilidade a súa utilización como casa de refuxiados ou a súa venda.

Trala aprobación no pleno, o seguinte paso é a aprobación dende Madrid. Se se fai efectivo, o uso destas oficinas será de carácter indefinido despois dunha pequena remodelación que permitan adaptar as dependencias a súa nova utilidade.

O Concello ten baixo a súa propiedade seis vivendas na Rúa Rodeiro, unha delas inclúese nos orzamentos municipais xa que a previsión era a súa venda mediante poxa pública co fin de fixar poboación na vila e sumar entre 35.000 e 40.000 euros aos orzamentos municipais. Aínda que polo de agora este proxecto mantense paralizado por se fose necesario o seu uso na acollida de refuxiados ucraínos.