Skip to main content
Sarria

Novo emprazamento para as festas patronais de Sarria

Por 14 Marzo, 2022Sin comentarios

Sarria xa está a preparar o San Xoán, unha das súas festas máis emblemáticas. Para esta nova edición, na que queren retomar a normalidade, estudaron un novo emprazamento, a Rúa Castelao onde xa se celebraba fai 20 anos.

Durante os últimos dous anos, a vila conservou esta celebración con eventos máis pequenos e repartidos pola vila, garantindo así a seguridade e a saúde dos veciños. A evolución pandémica está a deixar datos favorables que indican que se poden ir recuperando as grandes celebracións tomando medidas de prevención anticovid.

Desta maneira, as festas patronais da vila volverán a ter cinco días de celebración dende o xoves 23 ata o luns 27 de xuño. Será o luns 27 o festivo local.

O novo emprazamento, a Rúa Castelao permitirá usar o campo de rugby que conta cunha maior capacidade, podendo albergar a máis xente nun espazo máis amplo. Esta nova localización da resposta as demandas de seguridade cidadá, xa que deste xeito, o acceso a centro de saúde permanecerá libre evitando os obstáculos aos vehículos de emerxencia. Ademais, esta nova localización permitirá concentrar todos os elementos da festa nun mesmo lugar, as barracas, as orquestras e os postos ambulantes.

O cartel das festas aínda se está pechando pero adiantan que terá como protagonistas as grandes orquestras, un dos sectores máis afectados pola situación sanitaria.

Esta nova localización non altera os outros eventos que teñen lugar nestas datas como o pregón que seguirá sendo dende o balcón da Casa Consistorial ou a noite do lume o 23 de xuño que será no campo da feira.

Ademais, a concelleira Geni Valcárcel asegura que non se están a esquecer dos grupos locais xa que estes, tamén terán o seu espazo ao igual que os eventos e actuacións para os máis pequenos.