Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Os peiraos autonómicos serán portas de entrada de peregrinos a Galicia

Por 30 Abril, 2022Sin comentarios

O Executivo galego participa este ano activamente -ao igual que fixo o ano pasado coa ruta Sail the Way- na Travesía Náutica Xacobea, que sae de Cádiz o 28 de maio e chegará a Santiago o 13 de xuño, para promocionar esta actividade e as instalacións náutico-deportivas da Comunidade.

Portos de Galicia e Turismo de Galicia apoian as diferentes rutas de peregrinación por mar promovidas polo sector náutico-recreativo galego coincidindo co Xacobeo 21-22 co obxectivo de promocionar e impulsar a actividade dos portos deportivos da comunidade. A finalidade é que os peiraos autonómicos se convertan en portas de entrada de peregrinos a Galicia e mellorar así as cifras do turismo náutico así como a actividade nas localidades costeiras. 

Así o recolle un informe analizado hoxe polo Consello da Xunta sobre as accións de promoción de Portos de Galicia para difundir a peregrinación por mar no marco do Camiño de Santiago. Neste sentido, o documento recolle as tres principais travesías a vela de longo percorrido, vencelladas coa peregrinación a Santiago por mar e impulsadas na última década polo sector náutico de Galicia. 

A primeira delas é a ruta Sail the Way, unha peregrinación a vela desde La Rochelle (Francia) promovida pola asociación náutica Northmarinas coa colaboración de Marinas de Galicia. A segunda é a Travesía Náutica Xacobea, a peregrinación por mar que replica o trazado do Camiño Portugués desde Andalucía ata Galicia e impulsada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga). Mentres, a terceira é a Ruta do Cabaleiro das Cunchas, organizada pola Fundación Traslatio e que rememora o mito da Traslatio do Apóstolo Santiago cun percorrido variable segundo a edición desde o Mediterráneo ou a costa portuguesa ata Galicia.

O Executivo galego apoia os tres eventos coincidindo co Xacobeo e participará activamente -ao igual que fixo o ano pasado con Sail the Way– na Travesía Náutica Xacobea, colaborando na súa organización e incorporando unha embarcación oficial á frota que completará a ruta. 

De feito, Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, propuxo que a edición deste Ano Santo 2022 partise desde Andalucía, remontando a costa portuguesa polo Atlántico para entrar en Galicia por Baiona e percorrer as Rías Baixas ata Portosín (Porto do Son), a fin de promocionar así o maior número de instalacións náutico-recreativas da comunidade. A última etapa do percorrido será a pé continuando o Camiño Portugués desde O Milladoiro (Ames) ata Santiago de Compostela.

Esa saída desde Andalucía fixo que a Xunta de Galicia e a Xunta andaluza coordinen a súa participación no evento fretando unha embarcación oficial que fará todo o traxecto con medios de comunicación, representantes sectoriais e convidados das dúas administracións a bordo. Neste barco tamén irán xornalistas especializados en náutica doutros países para difundir a importancia do Camiño de Santiago por mar e ampliar a súa repercusión mediática.  

A Travesía Náutica Xacobea -que sairá de Barbate (Cádiz) o 28 de maio e chegará a Santiago o 13 de xuño- pretende poñer en valor aspectos como os atractivos da peregrinación por mar, Galicia como destino turístico de valor engadido, a singularidade da costa atlántica, a seguridade da comunidade fronte a destinos masificados ou a navegación polas costas galegas durante todo o ano, fuxindo da estacionalidade.

PRAZAS DE ATRACADA

Este Camiño por mar pretende enxalzar xunto a Sail the Way -que sae de La Rochelle o 24 de xuño e chega a Santiago o 14 de xullo- e a Ruta do Cabaleiro das Cunchas -que parte de Póvoa de Varzim (Portugal) o 16 de xullo e chega a Compostela o 23 de xullo- a calidade das instalacións náuticas da comunidade. Galicia conta con preto de 14.000 prazas de atracada, arredor de 400 empresas do sector e máis de 2.200 empregos directos.

Iniciativas deste tipo contribúen tamén a dinamizar e potenciar o sector tralo parón obrigado como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. O ano pasado rexistráronse arredor de 35.000 pernoctas de embarcacións en tránsito en portos da comunidade, o que equivale a un impacto positivo na economía galega de arredor de 3,5 millóns de euros. Por iso, a comunidade aposta por incrementar os tránsitos nos peiraos autonómicos co obxectivo de xerar emprego e riqueza nas zonas costeiras.