Skip to main content
Lugo

Lugo Cultural contará este mes de abril con actuacións de músicos galegos, teatro e danza

Por 7 Abril, 2022Sin comentarios

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou esta mañá na presentación das actividades do Lugo Cultural 2022, organizado pola Área de Cultura do Campus Terra coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo, para este mes de abril.

A programación artéllase arredor dos ciclos habituais nas últimas edicións, como Lubicán con actuacións de grupos e artistas galegas como Cora Velasco, o Festival de Teatro Universitario, o Encontro Universitario de Danza ou o espazo de creación audiovisual Findecurta.

Maite Ferreiro saudou “o inicio dunha programación que ofrece espazo a novos proxectos e que se converteu ao longo dos anos nunha referencia na axenda cultural de Lugo e que conecta e vincula a comunidade universitaria coa cidade a través da cultura” e remarcou a oportunidade “que o Lugo Cultural ven ofrecendo como espazo creativo e formativo, especialmente a través do Festival de Teatro, que canaliza as producións da Aula de Teatro Universitario, ou do Encontro de Danza”.

Na súa intervención no acto, xunto ao vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo Francisco José Fraga López e a Paloma Lugilde Rodríguez, destacou a continuidade da colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo con esta programación que complementa e diversifica a axenda cultural da cidade e contribúe a crear público para estas actividades” que, explicou, é un dos obxectivos que nos marcamos como administracións”, concluíu.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo achegan 40.000 mil euros para o Lugo Cultural.