Skip to main content
Lugo

O parque infantil da Avenida das Américas en Lugo loce renovado

Por 8 Abril, 2022Sin comentarios

O pasado xoves 7 de abril remataron as obras de mellora e renovación do parque infantil da Avenida das Américas, logo de que se colocara un novo pavimento de caucho en todo o perímetro, así como a instalación dun novo xogo para as nenas e nenos máis pequenos.

Trátase da primeira área de xogos infantís da cidade que conta cun pavimento destas características e marcará unha liña a seguir para futuras intervencións. O firme dos parques adoita ser de caucho liso ou de herba artificial, porén como novidade nesta ocasión optouse por instalar un firme colorido, con figuras e xogos impresos no propio pavimento, como o da mariola, que farán as delicias dos máis novos incrementando as súas posibilidade de lecer.

A intervención obedece, ademais, ás demandas que os residentes na zona lle trasladaron ao Concello. Deste xeito, esta actuación deu resposta á súa petición de substituír o firme de área por un novo pavimento de caucho, máis seguro e acolchado para desfrute dos nenos e nenas. Así mesmo, executáronse traballos no conxunto do parque que permitiron a renovación integral da área, que nos próximos días reabrirá ao público, cun investimento municipal de 38.000 euros.

Actuacións executadas

Os traballos leváronse a cabo en tres fases. Nunha primeira, procedeuse á reparación do firme existente, mediante un reenchido de area co que se corrixiron os desniveis, especialmente naqueles puntos nos que presentaba un maior desgaste, redundando así na súa seguridade. A continuación, levouse a cabo a reparación, lixado e pintado dos elementos de xogo existentes e a reposición do valado perimetral de madeira, así como na colocación dun cartel informativo coas normas de uso do parque.

Finalmente, a actuación completouse coa colocación dun pavimento de caucho sobre unha soleira de formigón en toda a superficie, así como coa instalación dun novo xogo para as nenas e nenos máis pequenos, así como a súa correspondente certificación de que cumpre todas as medidas de seguridade, ademais realizouse a humanización da contorna reparando os bancos, incrementando o número de papeleiras e habilitando unha cancha de baloncesto ao carón do recinto.

En total, Lugo conta con 80 parques infantís e biosaudables distribuídos por toda a capital, dos que máis dun 20% foron rehabilitados ou construídos durante o mandato de Lara Méndez.