Skip to main content
Lugo

Avanzan a bo ritmo as obras das Caldas do Miño en Lugo

Por 13 Abril, 2022Abril 14th, 2022Sin comentarios

As obras das Caldas do Miño avanzan ao ritmo previsto. Comezaron no pasado mes de outubro e o prazo de construción é dun ano.

O equipamento, que será de uso público y gratuíto, sitúase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras.

A estrutura levantada deixa ver xa as sete caldas, cinco de auga quente e dúas de auga fría, así como o edificio de baños e vestiarios. Actualmente xa se finalizou o formigonado das piscinas e estase a recubrir de terra o entorno das mesmas, ao tempo que se executa a impermeabilización, traballos todos eles, que manteñen os máximos parámetros de eficiencia enerxética.

Desde un punto de vista medio ambiental, o equipamento execútase tras unha avaliación previa do impacto ambiental co fin de que o proxecto sexa respectuoso e integrado coa localización privilexiada no que se enmarca.

Así mesmo, Méndez lembrou que a auga se quentará a través dun sistema de aerotermia, enerxía que se obtén a partir de fontes naturais e renovables, reducindo o gasto enerxético e a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo.

O obxectivo deste proxecto e crear unha nova dotación de recreo para os e das lucenses, que poderán gozar dunhas instalacións eficientes e modernas nun magnífico escenario natural como é a contorna do Miño.

As caldas serán tamén un gran revulsivo cultural, ao estar inspiradas nas termas romanas, e un novo recurso turístico, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo, polo que poden converterse nunha etapa de parada e de descanso para os peregrinos que escollen este itinerario xacobeo, así como para a atracción de visitantes vinculados ao turismo de experiencias, que se atopa en auxe e que permitirá captar un turismo de calidade.

Neste ano, aínda non convivirán as caldas coa plataforma fluvial do Miño. A plataforma estará lista este verán e as caldas estarán rematadas a finais de ano, pero mentres a praia estará só en uso os tres meses de estío, as caldas estarán abertas todo o ano.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.