Skip to main content
Lugo

Investigadores da USC de Lugo desenvolven novas ferramentas de planificación e xestión forestal

Por 17 Abril, 2022Sin comentarios

Investigadores do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC desenvolven novas ferramentas de planificación e xestión forestal ao abeiro do proxecto Forvalue, un programa de cooperación Interreg VA España-Portugal liderado pola Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Instituto de Estudos do Territorio e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, no que a USC participa como socio xunto coa Asociación Forestal de Galicia, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Asociación Forestal de Portugal e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

O Sistema de Información Forestal (SIForesT) e a App #COForest constitúen dous novos recursos dixitais a través dos que os promotores do proxecto Forvalue buscan contribuír a aumentar a resilencia do territorio fronte ao risco de incendios no actual contexto de cambio climático e social. De feito, entre os obxectivos de Forvalue figuran a promoción de modelos innovadores de xestión de espazos transfronteirizos orientados a xerar actividade económica a partir da biomasa forestal, a implantación de formas asociativas para a xestión da propiedade forestal e activar a colaboración transfronteiriza a través de novas tecnoloxías para mellorar a xestión e a planificación forestal, ademais da mellorar a súa valorización.

O Sistema de Información Forestal SIForesT e a App #COForest desenvolvidos por investigadores do LaboraTE da USC, un grupo que coordina o profesor David Miranda, constitúen dous novos recursos dixitais de acceso público e gratuítos que están deseñados para dar impulso ás novas iniciativas de xestión asociativa da propiedade. As prestacións que achegan estas ferramentas baséanse na posibilidade de poñer en contacto a propietarios e promotores potencialmente interesados en fomentar unha nova iniciativa ou, no seu caso, en adherirse a unha liña de actuación xa existente. SIForest e a App #COForest son ferramentas transfronteirizas que conteñen cartografía tanto de Galicia como do norte de Portugal e que permiten unha visión holística do ámbito da ordenación e xestión.

As dúas ferramentas de xestión e planificación forestal creadas no marco do proxecto Forvalue, que recibe financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) xa están accesibles na rede, logo da súa recente presentación nun acto público celebrado no concello ourensán de Carballeda de Avia, que foi sede do primeiro taller interrexional organizado ao abeiro deste programa. Esta sesión, na que participaron os socios implicados neste programa, xunto cos rexedores de varios concellos galegos colaboradores, como é o caso de Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Carballeda de Avia, ademais doutros axentes locais, contou tamén coa presenza da Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, quen salientou o traballo que se está a facer para impulsar agrupacións de xestión conxuntas en varias áreas piloto.