Skip to main content
Lugo

ADEGA presentará un recurso ante o Tribunal Supremo sobre a esquina de San Roque

Por 20 Abril, 2022Sin comentarios

O secretario xeral de ADEGA Froilán Pallín Seco, vén de anunciar en rolda de prensa que ADEGA con apoio do Foro do Camiño Primitivo, recorrerá ante o Tribunal Supremo a decisión do Tribunal Superior de Xusticia de Galiza (TSXG) de desestimar o recurso contencioso administrativo presentado por esta asociación fronte a aprobación do planeamento urbanístico aprobado polo Concello de Lugo en 2019 no quinteiro que fai a esquina da rúa San Roque co Carril das Flores (Camiño Primitivo), designado como quinteiro 214A no Plan especial de protección do Conxunto Histórico de Lugo (PEPRI).

A decisión de recorrer ao Tribunal Supremo fundaméntase nunha serie de irregularidades – parte das cales teñen a súa orixe na tramitación do PEPRI – , que o TSXG non valorou á hora de desestimar o recurso inicial, ademais de obviar un informe demoledor e contundente emitido polo ICOMOS que cuestiona dito planeamento.

Sen ter resolto as alegacións presentadas durante o verán de 1996, o Concello solicitou aos órganos da Xunta competentes en materia de urbanismo e patrimonio cultural os informes sectoriais, sen darlles conta de ditas alegacións, froito das cales o Concello introduciu posteriormente cambios na ordenación do PEPRI, sen sometelos a novos informes da Administración Autonómica, a pesares da advertencia do secretario xeral do Concello, emitido o 26 de agosto de 1996. Entre tales cambios, alterouse a ordenación do quinteiro 214A, descatalogando as edificacións históricas que alí existían e permitindo o seu arrasamento e a reedificación do mesmo en base a unha edificabilidade moi superior á preexistente e totalmente desmesurada, vulnerando o artigo 8.3 da Lei autonómica 3/1996 do Camiños de Santiago, que dispoñía que “en todo caso, non se permitirán nas zonas laterais de protección nin na de protección do entorno novas alineacións nin aumentos de edificabilidade”.

O planeamento aprobado en 2019 –modificación do PEPRI-, promovido por Hipólito SL, tramitouse novamente sen recadar informes preceptivos, e mesmo invadindo terreos ao propio ámbito do quinteiro, o que determina, seguindo a xurisprudencia do Tribunal Supremo, a nulidade de pleno dereito de dita modificación.

Na sentenza que vai recorrer ADEGA omítese a análise e o axuizamento de boa parte dos fundamentos da demanda, obviándose tamén un recente informe emitido por ICOMOS, sen ter en conta que a intervención desta Institución resulta fundamental naquelas actuacións que afectan a bens declarados pola UNESCO como Patrimonio Mundial, como é neste caso o Camiño Primitivo e a Muralla Romana.

Un novo Garañón ao pé da muralla?

Tras presentar a demanda, en xullo de 2021, a raíz das actuacións realizadas dende o Foro do Camiño Primitivo, ICOMOS España emitiu un novo e extenso informe que se pronunciou de forma moi desfavorable sobre o planeamento aprobado, reprochando a actitude pouco respectuosa co patrimonio cultural que caracterizou a evolución histórica da cidade de Lugo, e exemplificándoa no planeamento aprobado para o quinteiro 214A.

Así mesmo, a principios do presente mes de abril, a Real Academia Galega de Belas Artes emitira tamén un informe, por propia iniciativa, cuestionando igualmente a actuación urbanística que a promotora pretende executar neste punto tan importante da cidade.

A fin de evitar que se vexa comprometido o mantemento das declaracións da UNESCO que recaen sobre as Murallas Romanas de Lugo e o Camiño Primitivo, sería de esperar que o Concello de Lugo tomara debida conta destes últimos informes, revisando o planeamento aprobado para a esquina de San Roque, corrixindo todas e cada unha das deficiencias sinaladas e seguindo escrupulosamente as súas recomendacións.

“Aínda se esta a tempo, coa participación de todas as Institucións e axentes implicados, de alcanzar unha solución urbanística respectuosa cos bens patrimoniais afectados, e de evitar una indemnización millonaria como a que se espera no caso do Garañón. Canto máis lle vai custar á veciñanza de Lugo as decisións políticas deseñadas polos intereses privados?” concluía Adega.