Skip to main content
Lugo

Comezan os traballos de remodelación na área de xogos dos xardíns de San Roque en Lugo

Por 21 Abril, 2022Abril 22nd, 2022Sin comentarios

Na mañá do pasado mércores 20 de abril comezaron os traballos de remodelación da área de xogos sita nos xardíns de San Roque. Un espazo que se pretende modernizar, mudando completamente a súa configuración e mellorando o mobiliario urbano que contén, que será atractivo, versátil e integrador xa que inclúe elementos novidosos, accesibles tamén para crianzas con diversidade funcional.

Trátase de seguir avanzando no plan de renovación para acondicionar os parques infantís, actualizándoos, favorecendo a inclusión de todas e todos e propiciando a convivencia interxeracional nos espazos públicos. Actuando neste enclave, estase aproveitando non só a peonalización da Mosqueira senón tamén que a contorna está a modificar por completo a súa configuración coa eliminación – que xa se está executando – da pasarela que comunica esta rúa con Montero Ríos e o Carril das Flores, gañando en seguridade e nunha mobilidade máis cómoda, alén dunha transformación estética moi positiva.

Os labores están cuantificados en 42.000 euros, que se realizan con cargo ás melloras do contrato de mantemento das áreas de xogo infantís da cidade.

Tarefas coas que se quere que este pequeno parque se converta nun oasis de lecer para os e as pequenas, emulando un bosque de cabanas cheo de divertimentos que contará, entre outros, con bambán para bebés, casiñas de actividades con túnel, tobogán, elementos de escalada, balancíns e outras figuras estáticas con forma de cogomelos ou animais de cores moi vistosas.

Toda a zona disporá de chan continuo de caucho – máis cómodo e seguro – e irá pechada cun valado de madeira. Todo completamente novo o que mellorará substancialmente no só a área de xogos senón a confortabilidade de todo o xardín.

A actuación, que arrincou no día de onte, terá un prazo de execución aproximado de un mes, pasade este tempo procederase a desenvolver melloras nas instalacións situadas na rúa Río Mandeo.