Skip to main content
Lugo

O Concello celebra o Día das Nenas nas TIC con pezas audiovisuais nas redes sociais

Por 28 Abril, 2022Sin comentarios

A Concellería de Muller e Igualdade de Lugo, celebra o Día Internacional das Nenas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), que se conmemora, cada ano dende 2011, o último xoves do mes de abril coa finalidade de impulsar a participación feminina nun campo aínda moi masculinizado.

Unha efeméride que obedece á necesidade de rachar coa brecha dixital feminina que se evidencia ao longo dos anos e que, máis aló dun problema de xénero ten repercusións sobre o desenvolvemento económico e social das rexións, xa que, na actualidade, toda actividade económica conleva, de forma implícita, algún elemento tecnolóxico e se a poboación feminina, que resulta ser a maioritaria, non conta coas habilidades nin o coñecemento necesario estaremos a frear o progreso.

O lema deste ano 2022: ‘Acceso e Seguridade’ como unha verdadeira prioridade temática, xa que se trata de dous aspectos fundamentais para que as nenas poidan entrar en contacto co entorno dixital e as tecnoloxías da información.

Con ese obxectivo, a Concellería de Muller e Igualdade realizará unha campaña de sensibilización nas súas redes sociais (Facebook e Instagram: @mullereigualdadelugo) para visibilizar o traballo nas TIC,co obxectivo de crear roles femininos no ámbito nas tecnoloxías da información e a comunicación e promover prácticas que alenten ás nenas e mulleres a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións cara este campo.

Concretamente serán 5 pílulas que gravou e editou a Escola de Imaxe e Son de Lugo. Silvia Alonso tamén tivo palabras de recoñecemento para as protagonistas dos vídeos: Erea Díaz, Paula Vilariño, Melina Pulleiro, Celia López e Claudia Díaz que coas súas gravacións apoian a integración da muller nas carreiras tecnolóxicas.

En España, segundo datos da edición do ano 2020 do Informe Muller e Tecnoloxía, elaborado polo sindicato UXT, a presenza feminina nas carreiras universitarias relacionadas coas TIC é dun 26% fronte ao 57% de media global. Por este motivo, Muller e Igualdade puxo en marcha esta iniciativa, que tamén difundirá entre os distintos institutos coa intención de animar ás rapazas a estudar e traballar na tecnoloxía e achegarlles a realidade deste ámbito.