Skip to main content
Láncara

A glorieta da Pobra de San Xiao podería ser cofinanciada entre o Concello e a Xunta

Por 1 Abril, 2022Sin comentarios

Darío Piñeiro, alcalde de Láncara, mantivo un encontro coa consellería de infraestruturas e mobilidade, este luns en Santiago de Compostela co fin de chegar a un acordo para a construción dunha glorieta na Pobra de San Xiao. Nesta reunión con Ethel Vázquez barallouse a posibilidade dunha cofinanciación entre as dúas administracións.

A rotonda está incluída no plan especial de infraestruturas e equipamentos ferroviarios para a integración destas e as súas conexións co tecido urbano da vila. A súa construción levaríase a cabo nos terreos da antiga vía do tren e conectaría a LU-546 coa rúa Benigno Quiroga.

O orzamento inicial para esta actuación é de 285.026 euros.

No proxecto presentado polo alcalde á consellería expúxose que cada administración asumira a metade do custe en dúas anualidades, sendo o Concello o que se encargaría da licitación das obras e, en caso dunha baixada de prezo, afectaría a ambas administracións.

Despois do encontro, a consellería estudará o proxecto e a actuación e, en 15 días dará unha resposta ao Concello.

Esta glorieta sería a primeira actuación do plan especial que hai programada para esta zona na que tamén se inclúe a rehabilitación dos inmobles, unha senda verde e un carril bici.