Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

A Feira do Queixo de Friol vén de ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia

Por 21 Abril, 2022Sin comentarios

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se declaran festas de interese turístico  de Galicia varias celebracións como a Festa da lamprea Seca de Arbo, a Festa da Malla Tradicional de Lalín, a Feira do Viño de Pantón e a Feira do Queixo e do Pan de Friol.

Unha vez examinadas as solicitudes presentadas, e tras os trámites preceptivos, infórmase favorablemente ao cumprir os requisitos exixidos, como a singularidade, o valor cultural, o arraigo da festa, a creatividade e innovación na celebración do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e para a recepción de visitantes, a afluencia de visitantes ou o adecuado coidado das contornas urbanas, monumentais ou paisaxísticas onde se desenvolve.

En Friol, na segunda quincena do mes de marzo, celébrase anualmente a Feira do Queixo e do Pan, co obxectivo de homenaxear e preservar a tradición local de elaboración do queixo e do pan, así como rememorar o costume antigo das feiras que tiñan lugar no Concello de Friol.

O seu alcalde, Jose A. Santos, recoñece que “estamos moi contentos, ilusionados e moi agradecidos de que por fin a nosa gran feira sexa recoñecida, xa que isto é  algo que levabamos un tempo esperando”. Tamén indica que “con este recoñecemento poranse os nosos produtos no lugar que se merecen, a súa visibilidade será incluso maior, e o noso municipio en xeral tamén se verá favorecido porque este recoñecemento sempre fai que acudan mais visitantes, polo que será mais coñecido en toda Galicia, e incluso fora dela”.

Tamén quere agradecer, dun xeito especial, á administración autonómica as facilidades que brindaron para xestionar e levar a cabo este recoñecemento tan importante para este municipio lucense.