Skip to main content
As Pontes

As Pontes pon en marcha o proxecto socioeducativo Espazo en Familia

Por 28 Abril, 2022Abril 29th, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes pon en marcha, a vindeira semana, o programa de apoio socioeducativo Espazo en Familia, dirixido a todas as familias pontesas con fillos e fillas menores de idade escolarizados nos centros educativos das Pontes, que ten como obxectivo prioritario ofrecer aos pais e nais un lugar para compartir as súas inquedanzas sobre a crianza e educación dos seus fillos e fillas e poder abordarlas con éxito.

“Coa axuda de profesionais, con experiencia en terapia familiar, educación social, psicoloxía ou educación infantil, as familias que participen neste programa aprenderán a desenvolver accións de crianza positiva a través da aprendizaxe de pautas educativas e habilidades de comunicación asertiva para, deste xeito, crear unha contorna segura que facilite e promova o desenvolvemento dos seus fillos e fillas”, explica Tania Pardo, concelleira de Educación.

O programa, no que se establecen diversos grupos de traballo, dirixidos ás familias con fillos e fillas menores escolarizados nas distintas etapas educativas, a través de sesións grupais e individuais e accións de formación, abordará temáticas como a prevención de adiccións, a sexualidade e a afectividade na adolescencia, as dificultades de aprendizaxe, os problemas de conducta nos menores, a alimentación e os trastornos alimenticios ou a saúde mental.

Haberá tamén formación para as familias centrada en aspectos como a atención temperá, o uso das novas tecnoloxías, a prevención do acoso escolar, o fracaso escolar ou as claves para a negociación.

Así mesmo, Espazo en familia tamén está orientado a mellorar a comunicación familiar e as relacións de parella, proporcionar sistemas de información e apoio socioeducativo ás familias para fomentar a súa participación nas actividades culturais, deportivas e educativas posta en marcha no municipio.

O programa Espazo de familia arranca o vindeiro, 2 de maio, ás 19:00 horas, na Casa Dopeso cun coloquio sobre “Benestar e Saúde Emocional” a cargo do psicólogo sanitario e terapeuta familiar, Carlos de Francisco no que se abordarán cuestións sobre os trastornos de saúde emocional máis comúns na adolescencia, a prevención no día a día, as dudas que xurde no ámbito familiar sobre a saúde emocional. Tamén se exporán as técnicas para conectar cos adolescentes a través de exercicios e casos prácticos.

O coloquio terá continuidade o día 9 de maio, ás 19:00 horas, a cargo de Virginia Castro, terapeuta familiar e educadora social, e a psicóloga, Yésica Bouza.

Todas as familias interesadas en participar neste coloquio sobre Benestar e Saúde Emocional na adolescencia poden inscribirse nesta ligazón https://acortar.link/hP0yBm ou no departamento de Benestar Social (2º andar.Casa Dopeso)