Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Rita Míguez, Anmupesca: “Comezamos a poñer enriba da mesa os problemas das mulleres na pesca”

Por 29 Maio, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Foto de Óscar Vifer

Por Ana Somoza López.

Rita Míguez de la Iglesia, presidenta de Anmupesca.

A Asociación Nacional de Mujeres da Pesca ou Anmupesca é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 2016 que visibiliza ás mulleres profesionais do mar, reforzando o seu empoderamento, contribuíndo ao aumento do recoñecemento  e promove unha sociedade máis igualitaria e integradora en canto a igualdade de xénero.

Como xurdiu Anmupesca?

Anmupesca xurdiu da necesidade de visibilizar e darlle valor ao traballo das mulleres no sector das pesca. Durante moito tempo, as mulleres na pesca desenvolvíamos un papel secudario, invisibilizado pola sempre presente figura masculina do mariñeiro ou armador. Sen embargo, o papel de mariscadoras, redeiras, percebeiras, pescantinas e máis recentemente biólogas, armadoras e xestoras administrativas foi sempre fundamental para o desenvolvemento da economía deste sector. Anmupesca naceu en maio de 2016 e nela congregámonos 12.000 mulleres de perfís profesionais tan diferentes como redeiras, mariscadoras, percebeiras, bateeiras, armadoras, pescantinas, etc pero todas con problemas comúns como son enfermedades profesionais, deficiencias na cobertura social, falta de presencia nos órganos de toma de decisións, etc. e por isto estamos loitando e plantexando todos estes problemas onde podemos estar.

Cantos membros son?

Na actualidade sumamos ao redor de 12.000 socias e estamos presentes en Galicia, Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana, Andalucía e Madrid.

Teñen asociacións da Mariña lucense?

Temos a Asociación de Redeiras Cabo Burela que forma parte da nosa entidade.

Engloban todos os sectores, percebeiras, redeiras, mariñeiras…?

Efectivamente. Este é un tema do que nos sentimos especialmente orgullosas xa que logramos alcanzar a unidade de todos estes perfís profesionais e outros moitos como bateiras, pescantinas, comercializadoras, biólogas, administrativas, profesionais do mundo da acuicultura, etc, ao redor de problemas comúns, cuxa solución nos permitiría avanzar nunha mellora cualitativa das nosas condicións de traballo.

Que actividades fan?

Desde xornadas informativas en xestión de economías profesionais, en novas propostas do sector Pesqueiro como poden ser OPP, cursos de formación en distintas profesións da pesca, en novas tecnoloxías, foros de discusión sobre os problemas das nosas profesións, convivencias de mulleres da pesca, xornadas de liderado e empoderamento, talleres de sensibilización coas nosas profesións para garantir a muda xeracional, exposicións e mostras das nosas profesións, etc.

Hai moita desigualdade entre mulleres e homes na pesca?

Si pero non menos que en outros sectores. A desigualdade por razón de xénero é algo que é común a sociedade que nos toca vivir, sexa en maior ou en menor grao e sobre todo naqueles sectores masculinizados de sempre. Ata hai pouco a ninguén se lle ocurría pensar nunha muller cando se aludía ao mundo do mar. As condicións laborais teñen mudado máis para os homes que para as mulleres, nós seguimos traballando cos aparellos das nosas avoas ou de antes das nosas avoas, ninguén se preocupou por buscar alternativas máis ergonómicas e saudables. As nosas enfermidades profesionais redúcense a dúas ou tres segundo sexan as nosas profesións, cando o número de baixas por enfermidades común son miles repetíndose patróns de dores musculoesqueléticas derivadas das nosas posturas no traballo e sen embargo non se nos recoñecen como tales. E así podemos seguir cun longo etcétera.

Que necesidades teñen na asociación?

Necesitamos sobre todo estudos con datos estatísticos sobre a presencia das mulleres no sector, de cal é a nosa contribución en datos económicos ao desenvolvemento do mesmo, de onde estamos e como estamos nos órganos de toma de decisión, que son mínimos,… Necesitamos estar representadas nestes órganos por nós mesmas e non a través de instrumentos que non nos permiten elevar a nosa voz e polo tanto a nosa experiencia e consecuentemente seguir invisilizadas nas políticas e accións que de verdade nos afectan como traballadoras.

Que respaldo teñen das administracións

A Administración entende e comparte as nosas necesidades pero a maquinaria é lenta e os recursos son reducidos.

De que logros, dos conseguidos, se sinten máis orgullosas?

Desde logo a visibilización dos nosos colectivos profesionais e que empezamos a poñer enriba da mesa problemas e demandas das mulleres da pesca. Pode que de momento non se nos propoñan moitas solucións ás mesmas pero estamos nas axendas das políticas en materia de pesca que se abordan e por algo temos que empezar.