Skip to main content
Trabada

García Bermúdez lamenta a mala xestión dos Coidados Porta a Porta

Por 7 Maio, 2022Sin comentarios

García Bermúdez pide que “o servizo chegue a toda a veciñanza” e lamenta a mala xestión por parte do Goberno autonómico.

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, lamenta que o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitase o autobús do servizo Coidados Porta a Porta ubicado na praza do Concello sen avisala con anterioridade.

“Unha mostra máis da ausencia de cortesía institucional por parte da Xunta, que visita o concello sen avisar á alcaldesa ou ao grupo de goberno”, afirma García Bermúdez, “porque ademais este servizo está financiado cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que a raíz da pandemia conseguiu o goberno do Estado, froito das negociacións celebradas en Europa”.

Por outra parte, a alcaldesa lamenta a mala xestión dos ‘Coidados Porta a Porta’ por parte da Xunta de Galicia. “O aluguer de cada camión custa 7.000 euros á semana e o contrato é só por uns meses, ata o 3/11/2023 segundo os pregos do contrato”, asevera García Bermúdez, que considera que “a mellor opción era comprar os vehículos e prestar o servizo de forma permanente”. 

“Tamén botamos en falta que se nos comunicara a duración das citas, xa que así podíamos axudar aos veciños a tramitalas, pero semella que o que interesaba era darlle publicidade e non que o servizo funcionase ben”, engadiu. 

‘Coidados Porta a Porta’ estaba planificado para achegar ás persoas maiores de 55 anos os servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación terapéutica, “pero a xestión non é a adecuada porque a pesar de que o Concello pegou carteis polas parroquias para informar de este servizo indicando o número de teléfono ao que hai que chamar para reservar a cita, non é a solución axeitada porque varios veciños nos trasladaron que chamaban por teléfono e que ninguén contestaba”, apunta. 

“Sería moito mellor que dende ‘Coidados Porta a Porta’ nos indicaran as duracións das citas para desta forma poder xestionar as mesmas desde o Concello e incluso poñer a disposición o servicio de transporte municipal e facer diferentes rutas polas parroquias para asegurar a accesibilidade a este servizo a toda a veciñanza; é unha pena que este servizo que nos custa tanto a todos, preto de 10 millóns de euros entre o persoal e o aluguer dos autobuses, non chegue á poboación pola mala xestión da Xunta”, remata a alcaldesa de Trabada.