Skip to main content
Trabada

O Concello de Trabada considera “intolerable e moi mellorable” a xestión de Coidados Porta a Porta

Por 9 Maio, 2022Sin comentarios

O portavoz do Partido Popular de Trabada lamenta que a actitude da alcaldesa que “prexudica aos veciños ademais de non promocionar os servizos que a Xunta presta dentro do programa”.

O Concello de Trabada considera “intolerable e moi mellorable” a xestión do servizo Coidados Porta a Porta, tanto por parte de Xunta de Galicia como da empresa adxudicataria, tal e como xa manifestou o pasado venres.

A finais do mes de marzo, a empresa adxudicataria, Silman 97, contacta co Concello de Trabada mediante carta solicitando a súa colaboración para instalar os días 4, 5 e 6 de maio a unidade móbil no municipio, precisando dun espazo de 17 metros de longo por 7 metros de ancho (cunha toma eléctrica de 32 amperios).

Despois dunha charla telefónica, enviouse un correo electrónico á empresa o 23 de marzo onde quedaban confirmadas as datas e o lugar para emprazar a unidade móbil. O concello tamén comezou eses días os trámites para poder dispor de enganche de luz.

O 31 de marzo vemos publicado en prensa a noticia de que a unidade móbil estaría en Trabada os días 13, 16, 18 e 19 de maio. “Dende o Concello de Trabada puxémonos en contacto coa empresa Silman 97 para poder aclarar o que creíamos un erro, pero dende a empresa o que se nos traslada por teléfono é que efectivamente decidiran cambiar as datas”, afirma a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

En varias conversas telefónicas, explicóuselle á empresa que o concello non tiña constancia dese cambio e que os trámites para o enganche da toma eléctrica xa estaban iniciados. Deste tema tívose que facer cargo económicamente o concello e ademáis é un asunto que debe ser tramitado con antelación.

Posteriormente, Silman 97 envía un escrito coas novas datas engadindo un día máis ao inicialmente previsto, quedando así os días 4, 5, 6 e 9 de maio.

Dende o Concello de Trabada informase á empresa que tiñan a súa disposición para os días 4, 5, 6 e 9 de maio a Praza do Concello, se ben a dispoñibilidade de toma eléctrica só estaba garantizada para os días inicialmente solicitados.

O concello puxo carteis informativos nos lugares de costume a pesares de que na carta indicaban que ían poñelos eles mesmos, coa finalidade de informar á veciñanza, e tamén lle preguntamos á empresa sobre a duración das consultas para axudar a solicitar as mesmas aos nosos veciños, posto que se queixaban de que chamaban e non contestaba ninguén.

“Ademáis, coa finalidade de que este servizo chegara a toda a veciñanza, o concello quería organizalo por parroquias e facer rutas de transporte para aqueles que non teñen medios de transporte”, engade a alcaldesa.

“Os feitos acontecidos son estes e acreditan que dende o concello colaboramos en todo momento, pero cremos que é moi mellorable a xestión deste servizo para que se permita o acceso a toda a cidadanía”, afirma García Bermúdez.

O alquiler deste autobús cústalle aos galegos e ás galegas 7.000 euros á semana, ao que hai que engadirlle os gastos de persoal, manutención e aloxamento dos profesionais.

O Concello de Trabada colaborou e seguirá colaborando en todo o que sexa necesario con todas as administracións para mellorar os servizos e a calidade de vida dos trabadenses, “pero tamén solicitará e reivindicará os dereitos dos veciños e un comportamento leal e institucional por parte de todos, que aquí os señores do PP unha vez máis volven a confundirse, pensando que o público é privado e lles pertenece; en Trabada non, o público perténcelle a todos os veciños”, remata a alcaldesa.

Unha boa mostra disto é que no día de hoxe o autobús instalouse noutro lugar público sin contar coa autorización da administración competente. Esta forma de proceder por parte da Xunta de Galicia é intolerable, porque son capaces de poñer en perigo a seguridade dos usuarios ao instalarse na beira dunha estrada provincial e fóra da zona urbana, cando teñen autorizado o uso da Praza do Concello.

PARTIDO POPULAR

O portavoz do Partido Popular de Trabada, José María Fernández, lamenta que a actitude “totalmente sectaria” da alcaldesa  prexudica aos veciños: “ademais de non promocionar os servizos que a Xunta presta dentro do programa ‘Coidados porta a porta’ para que os veciños os coñeceran e se puideran beneficiar de consultas de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria gratuítas; puxo todas as trabas posibles. Isto responde ao comportamento habitual da alcaldesa socialista de “criticar á Xunta por todo”.

O voceiro explica que “a alcaldesa e o equipo de goberno, como responsables da xestión do Concello, deben poñer todo da súa parte para facer chegar aos veciños iniciativas e servizos que lles poidan resultar de interese. Dende logo, así o entendemos dende o Partido Popular de Trabada. E máis neste caso no que a unidade móbil de ‘Coidados porta a porta’ ofrece servizos gratuítos aos veciños. O que debera facer o goberno local é ofrecerlles a aqueles veciños que puideran estar interesados a posibilidades de concertarlles unha cita”.