Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo convocará novas axudas ao tecido asociativo

Por 10 Maio, 2022Sin comentarios

A edil de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, anunciou a convocatoria de novas axudas para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo proxectos que dinamicen a economía lucense.

Trátase da terceira edición deste plan plurianual no que se enmarcan as subvencións que contan cun investimento de 40.000 euros. Estas axudas, habilitadas en 2020 como revulsivo ás consecuencias sociais nas que comezaba a derivar a pandemia e coas que o Concello pretende seguir ofrecendo apoio ás iniciativas locais para xerar emprego.

A edil explicou que no día de mañá a Xunta de Goberno aprobará as bases do procedemento no que os criterios de valoración puntúan a inclusión de actividades de fomento da igualdade, para combater a discriminación feminina.

Por iso, terán en conta que na composición da directiva exista un número de mulleres superior ao 50% e que a actuación vaia dirixida a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. Tamén contará a favor o fomento da dixitalización e o uso de redes sociais e das TIC.

Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas – que terán unha contía máxima de 3.000 € coa que se pode cubrir até o 90% da acción – as entidades sen animo de lucro que, tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento, promoción económica, comercio e formación empresarial que persigan a mellora e recuperación do municipio e a creación de emprego, autoemprego ou de novas empresas.