Skip to main content
Lugo

COGAMI recibe a usuarios de entidades de Grecia, Rumanía e Lituania

Por 14 Maio, 2022Sin comentarios

O centro de recursos que COGAMI ten en Lugo desenvolve, dende o ano 2019, xunto a entidades sociais de Grecia, Romanía e Lituania, un proxecto europeo que leva por nome Artability+, integrado no programa Erasmus+.

Artability+ vén sendo unha oportunidade de formación dirixida a persoas adultas con discapacidade coa que se pretende mellorar a súa participación e inclusión social mediante a xeración de expresións artísticas e do consumo de cultura en contornas normalizadas.

Durante esta semana, o centro de COGAMI actuou como anfitrión de profesionais e persoas usuarias das entidades socias: a grega Antigone, a romanesa Romanía – Youth Association from Transylvania(ATA) e a lituana Valakupiai Rehabilitation Centre – VRC.

Ao longo dos case tres anos de proxectos, COGAMI xunto con estas entidades, intercambiaron coñecementos, información e boas praxes, deseñaron e experimentaron un curriculum formativo e organizaron diversas exposicións nos diferentes países para amosar algunhas das pezas creadas. En todos os procesos, as persoas adultas con discapacidade foron as protagonistas deste proxecto e non meras receptoras do coñecemento.

Nesta parte final de Artability+, e como parte presencial dunha formación transnacional, 11 persoas participantes nas entidades socias viñeron ata o centro de COGAMI en Lugo para poñer en práctica o aprendido para a montaxe de exposicións, como a que están a preparar de maneira virtual e á que se poderá acceder dende a web do proxecto.

Ademais da preparación desta mostra, outras actividades programadas para estes días na cidade lucense foron a visita á mostra Ataque de Inspiración na Biblioteca Pública de Lugo, que conta con obras creadas polas persoas usuarias do obradoiro artístico do centro de COGAMI, ademais de asistir a un obradoiro colectivo que impartiu o artista Alberto Pena e organizado pola Rede Museística de Lugo.