Skip to main content
Lugo

Arranca a Feira de San Isidro no barrio lucense da Milagrosa

Por 20 Maio, 2022Sin comentarios

A Feira do campo e da artesanía de San Isidro da Milagrosa celebra esta fin de semana 25 edicións. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, presentaron onte esta feira que terá lugar dende hoxe e ata o domingo na praza da Milagrosa. No acto tamén participaron o deputado provincial Pablo Rivera, o presidente de Acruga, Cesar Dorado e membros da asociación de veciños da Milagrosa.

A rexedora subliñou que “a Feira de San Isidro cumpre este ano 25 edicións poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais, consolidada, así mesmo, como a maior feira urbana de toda Galicia”. Neste senso, Lara Méndez destacou que “durante toda a fin de semana uns 30 vendedores chegados de A Coruña, Oviedo, Ourense, Pontevedra e diferentes puntos da provincia de Lugo, achegarannos os seus produtos de primeira calidade”.

Así, a alcaldesa convidou aos veciños e veciñas de Lugo “a participar nesta nova edición da feira e gozar da programación de actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que completan o programa do evento”.

Pola súa parte, Rivera Capón recoñeceu esta cita “como un nexo de unión entre o rural e o urbano para manter as raíces e as tradicións e a identidade de Lugo, onde moita xente combina a súa vida cotián no urbano con fondas raizames no rural”.

Así mesmo, a institución provincial colabora coa elaboración de dúas degustacións de embutidos e queixos da provincia. Rivera Capón recordou a importancia de apostar por “unhas políticas de colaboración entre o sector primario, a investigación das universidades públicas ou o apoio das administracións”.

Durante a presesentación, tivo lugar, así mesmo, o nomeamento como socio de honra da Asociación da Milagrosa de César Dorado, presidente de ACRUGA. Ademais, Jesús Vázquez, avanzou que o pregón da feira, que terá lugar este venres ás 20:00 horas, será a cargo do presidente da Deputación, José Tomé Roca e, como nas pasadas edicións, o domingo entregaranse os premios José Carballido aos mellores 5 stands da cita.