Skip to main content
Lugo

O Campus de Lugo entrega os premios do Petiscos de Ciencia

Por 21 Maio, 2022Maio 26th, 2022Sin comentarios

A investigadora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, María Celeiro Montero gaña o primeiro premio do I Concurso universitario de vídeos sobre ciencia en galego. Un galardón convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC dotado cunha gratificación económica de 500 euros, co audiovisual O fenómeno da fotoluminiscencia .

Os seus compañeiros de departamento universitario, Aly Jesús Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu, acadaron o segundo premio desta modalidade da convocatoria, dotado con 250 euros, co traballo Qué che ensinou a Química?.

Os premios contemplados na modalidade deste certame audiovisual a prol da difusión do labor científico en lingua galega aberta a alumnado de ESO e Bacharelato e dotados con idéntica contías económicas recaeron en estudantes do IES Plurilingüe Adormideras, da Coruña, e do IES Xelmírez, de Santiago de Compostela.

Así, o vídeo titulado O Saturnismo , elaborado por Irene González Calvo e Raquel González Calvo, baixo a coordinación de María José Mato Castro, do IES Plurilingüe Adormideras, acadou o primeiro premio, mentres que o xurado distinguiu co segundo a proposta audiovisual Falemos de curvas. A catenaria , un vídeo presentado por Manuel Villaverde Framil e coordinado por Manuel Vázquez Mourazos.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, presidiu este venres a cerimonia de entrega de premios no salón de actos José Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias, no marco dunha sesión na que o catedrático de Química Física da USC José Vázquez Tato ofreceu o relatorio A comunicación na ciencia, no que alentou ao estudantado preuniversitario presente iniciarse na aventura científica a través da súa realidade cotiá e, especialmente, a través da lectura.

A decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, que actuou como presidenta do xurado encargado de determinar as propostas gañadoras entre os 45 vídeos presentados a concurso, salientaron a alta calidade dos traballos, o que propiciou, subliñaron, o recoñecemento de varios finalistas.