Skip to main content
Lugo

‘Valentina’ achegará a integración aos escolares lucenses

Por 20 Maio, 2022Sin comentarios

O centro de convivencia municipal de Fingoi será a sala de cinema perfecta para proxectar o filme Valentina, logo de acadar o Goya a mellor película de animación, este ano.

Así o considerou a Concellería de Benestar Social do Concello de Lugo que vén de organizar a proxección do filme em 18 sesións gratuitas que terán lugar dende hoxe e ata o vindeiro 30 de maio.

O obxectivo deste programa é sensibilizar á poboación escolar, dende idades temperás, em valores de igualdade e respecto; así como favorecer a integración. Unha acción dirixida a máis de 2.100 alumnos e alumnas de 12 centros educativos da cidade aos que tamén se lles entregarán guías didácticas.

O filme, dirixido pola directora galega Chelo Loureiro, fai fincapé na inclusión e a igualdade de oportunidades.

“A película convídanos a reflexionar sobre o papel que exercemos todos e todas cando nos atopamos ante unha persoa con capacidades diferentes e nos insta tamén a promover un espírito colaborativo na sociedade porque nada nos impide loitar por un obxectivo ou por un soño”, sinalou a edil titular da área, Olga López, ao tempo que convidou a toda a veciñanza a ver a película que nace, entre outras cousas, da vontade de visualizar a realidade dun colectivo que quere ser artífice da súa propia mensaxe no camiño cara a plena cidadanía.

A película conta – en clave fantástica – como Valentina, que soña con ser trapecista, cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down e traslada tamén a maneira na que unha rapaza coas súas peculiaridades aprende, se relaciona e evoluciona, como todas as nenas da súa idade. Unha historia que non pretende promover a compaixón nin unha grande admiración, só empatía.