Skip to main content
Ribeira de Piquín

Ribeira de Piquín propón un Plan de Medidas Antifraude

Por 6 Maio, 2022Maio 14th, 2022Sin comentarios

O Concello de Ribeira de Piquín vén de asinar unha declaración institucional en contra da fraude. O documento vai acompañado, ademáis, dun plan de medidas antifraude co fin de evitar dentro da organización local toda actividade fraudulenta.

Así, o Concello porá en marcha medidas “eficaces e proporcionadas” de loita contra a fraude baseadas na experiencia e a avaliación do risco. Asemade, anuncia o Goberno local que denunciará todas as irregularidades ou sospeitas de fraude que detecte.

“O Concello de Ribeira de Piquín, adoptou unha política de tolerancia cero coa fraude, establecendo un sistema de control interno deseñado para previr e detectar calquera acción fraudulenta”, explican na declaración institucional.

MEDIDAS

Entre as medidas que porá en marcha, o Goberno nomeará un Comité Antifraude, conformado por tres traballadores do Concello. Este comité será o encargado de realizar unha avaliación periódico do risco de fraude así como de abrir expediente informativo ante calquera sospeita e resolvelo.

Ademáis, terá que levar un rexistro dos mostreos realizados, as incidencias detectadas e dos expedientes informativos incoados e elaborar unha memoria anual, entre outras labores.

Asemade, o Concello subscribe un código de conduta dos empregados públicos que establece o comportamento agardado diante de posibles circunstancias que puideran dar lugar a fraude.

Por último, entre outras medidas, o Goberno Local comprométese a facilitar formación ao respecto deste tipo de conductas a todos os empregados públicos do Concello.