Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Nove empresas optan a mellorar tres estradas entre Monforte, O Saviñao, Pantón e Bóveda

Por 16 Maio, 2022Maio 17th, 2022Sin comentarios

Nove empresas presentaron ante a Xunta de Galicia as súas ofertas para executar as obras de mellora de firme en tres estradas autonómicas da zona sur de Lugo, que suporán un investimento total de 1,5 millóns de euros.

Trátase do acondicionamento do pavimento nas estradas LU-617, LU-611 e LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda. A intervención suporá a mellora do firme nun total de 17 quilómetros das tres vías autonómicas.

De xeito máis detallado, as actuacións na LU-617 prevén o acondicionamento en 11,5 km entre Monforte de Lemos e Escairón (O Saviñao), en concreto desde a glorieta na que conecta a vía de altas prestacións CG-2.2, no punto quilométrico 1,5, ata a intersección coa estrada LU-615 en Escairón, no punto 13.

Na LU-611, ao seu paso polo concello de Bóveda, a intervención mellorará algo máis de catro quilómetros desta estrada de conexión con Taboada. Toda a actuación desenvolverase neste termo municipal, desde a glorieta de Rubián, no punto quilométrico 1 e ata o punto 5+030.

As obras na estrada LU-603 abranguerán a totalidade da vía, que ten unha lonxitude de 1,58 km e transcorre pola parroquia de Vilamelle, en Pantón, onde enlaza no inicio coa estrada N-120 e no final coa estrada de Sober.

DETALLE DAS ACTUACIÓNS

Na LU-617 o proxecto obxecto deste contrato recolle a realización de fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo con mestura bituminosa en quente nas zonas deterioradas. Tamén se acometerán recrecidos do firme a calzada completa en todo o ancho da plataforma na totalidade do treito.

Pola súa banda, na LU-611 e na LU-603 executarase a regularización do pavimento con mestura bituminosa nas zonas en mal estado. A actuación terá o ancho do carril completo. En ambos os casos, realizaranse recrecidos do firme en toda a calzada.

MELLORA DA SEGURIDADE

Estes traballos completaranse cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade e as prestacións das tres estradas, como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.