Skip to main content
Monforte

O BNG pedirá no pleno de Monforte a mellora da rede municipal de abastecemento de auga

Por 27 Maio, 2022Maio 28th, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego de Monforte anunciou mediante un comunicado de prensa a súa intención de presentar no próximo pleno do Concello unha moción para solicitar a mellora da rede municipal de abastecemento de auga.

O portavoz municipal do grupo nacionalista explica que “cando se fala de mellorar servizos, non se debería limitar a un simple asfaltado, algo que lucirá moito pero, no fondo, non fai máis que esconder un problema realmente estrutural como é o pésimo estado do sistema de abastecemento de auga pública, un servizo básico”.

Porque segundo comentan dende o BNG “as reiteradas avarías que se producen nas tubaxes do abastecemento de auga potable en Monforte poñen de manifesto o deterioro da rede dun servizo fundamental  para a cidadanía”.

“Nas últimas datas veñen de producirse varias avarías nos mesmos puntos (zona mercado gandeiro, estrada de Reigada, Rúa escultor Francisco Moure). Algo que, sen dúbida, ten algunha explicación. Desde o BNG entendemos que a orixe  destes continuos cortes e faltas de presión están motivados polo obsoleto do sistema de tubaxes, moitas delas aínda de fibrocemento, incapaces de soportar unha presión  axeitada aos requirimentos das necesidades actuais do servizo”, denuncian os nacionalistas.