Skip to main content
Láncara

A Xunta reafirma o seu apoio ao sector cárnico de vital importancia en Láncara

Por 28 Maio, 2022Maio 30th, 2022Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor todo o traballo desenvolvido pola Xunta a prol do sector cárnico, de gran importancia na zona de Láncara, famosa pola gran cantidade de vacas da raza Rubia Galega e que conta incluso coa Feira da Tenreira Galega. En sede parlamentaria, lembrou que desde a concesión de axudas directas a máis de 4.600 explotacións por un montante total superior aos 7 millóns de euros para paliar os efectos da pandemia da Covid-19, o goberno galego leva implementado toda unha serie de medidas para garantir o futuro do sector.

Así, o titular de Medio Rural quixo recalcar que a Xunta non só apoiou estes axentes primordiais do noso sector primario coas achegas directas que tamén beneficiaron o sector da planta ornamental, da flor cortada e do viño, cun importe global para todos eles de 18 millóns de euros. Tamén durante a pandemia puxo en marcha a rede Mercaproximidade, que permitiu dar saída aos produtos agroalimentarios que se viron afectados polas limitacións na hostalaría ou na restauración, tanto nos establecementos das principais cadeas de distribución que operan na comunidade como mediante compra pública para abastecer hospitais ou outros centros sociais.

VIABILIDADE A LONGO PRAZO

Na súa intervención, José González sinalou que o Goberno galego continúa avanzando na necesidade de soster o sector cárnico e de asegurar a súa viabilidade a longo prazo, poñendo por diante aos profesionais que viven maioritariamente desta actividade. Nesa folla de ruta, enmarcou o protocolo de entendemento histórico promovido entre toda a cadea de valor da carne para acadar rendas dignas para os gandeiros, unha vez confirmada a situación de venda a perdas xeneralizada.

Ao tempo que reclamou a mesma implicación por parte do goberno central para consolidar este sector fundamental para o noso agro, o conselleiro recordou tamén a estratexia de dinamización do sector cárnico na que se está a traballar para darlle un pulo á produción e á comercialización non só do vacún senón tamén aos eidos avícola, porcino, ovino, caprino ou cunícola.