Skip to main content
As Pontes

O novo centro loxístico das Pontes ocupará unha parcela de 9000 metros

Por 31 Maio, 2022Sin comentarios

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta tarde que o futuro centro loxístico das Pontes, no que colaboran a Xunta de Galicia e o Concello, será unha infraestrutura vital para dinamizar a economía local e contribuír así a paliar o impacto do peche da central térmica.

Conde visitou hoxe os terreos onde se vai desenvolver este proxecto, ao que a Administración galega achega preto de 250.000 euros. O centro loxístico vai estar emprazado nunha parcela de 9000 metros cadrados no parque empresarial de Penapurreira, onde disporá de dúas naves de loxística e almacenaxe, áreas de carga e descarga e oficinas.

A idea, tal e como explicou o vicepresidente primeiro, é que o proxecto axude a diminuír o impacto do peche da central térmica na actividade industrial da comarca, tendo en conta a oferta que hai na zona de empresas e autónomos con vehículos de mercadorías por estrada que, nos últimos tempos, viron reducido o seu nivel de actividade.

A iniciativa forma parte do Pacto de Estado por Ferrol, promovido desde Galicia e que, un ano despois de ser presentado, segue sen contar co apoio explícito do Goberno. Trátase dun conxunto de medidas consensuadas co resto de administracións galegas e cos axentes económicos e sociais, que inclúe os investimentos necesarios para revitalizar a comarca de Ferrolterra. Tal e como lembrou Conde, a Xunta de Galicia xa investiu o ano pasado máis de 80 millóns de euros en medidas recollidas no pacto do Estado, mentres que o Goberno segue sen ofrecer alternativas.