Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAXove

Bronce para as infantís de Viveiro no Campionato Galego Prebase de Ximnasia Rítmica por conxuntos

Por 8 Xuño, 2022Sin comentarios

A boa execución do exercicio con cintas efectuada polo equipo da Mariña e a súa capacidade de retomar a competición cunha enorme regularidade tras o parón provocado pola pandemia do coronavirus, consolídao entre a elite da rítmica autonómica.

O conxunto infantil do Club Ximnasia Viveiro competiu este domingo a última hora do serán en Ourense, sobre o tapiz do pavillón dos Remedios, arroupadas por un ambiente propio dos grandes acontecementos deportivos.

As ximnastas Icía Mariño, Ángela Martínez, Martina Collazo, Icía Lage e Ángela García comezaron a súa actuación con algún erro provocado polo nerviosismo inicial, pero a partir da metade do exercicio lograron repoñerse e puideron remontar, conseguindo alcanzar o terceiro posto do caixón. As viveirenses superaron as campioas provinciais de Lugo, pertencentes ao Club Violeta, que finalmente quedaron no posto quinto da clasificación xeral.

O bronce conseguido no evento da capital ourensá fai que regresen ao nivel “Base”, o que provoca que se lles abran as portas para participar de novo no Campionato de España, tal e como conseguiron xa no ano 2019 cando acudiron a Pamplona e competiron na categoría benxamín.

No torneo desta pasada fin de semana o pódium quedou conformado polo Club Saraiba E.D. Poio, o Club Ximnasia Pavillón Ourense e o Club Ximnasia Viveiro. Este terceiro posto dun total de seis equipos do nivel Prebase colma as aspiracións do club da cidade do Landro.