Skip to main content
Lugo

Senado: “Como veña bo tempo, esta será unha das mellores festas do Arde Lvcvs”

Por 8 Xuño, 2022Xuño 9th, 2022Sin comentarios

Grazas ao Senatus Lucus Augusti calquera cidadán pode obter o salvoconducto necesario para desfrutar da festa sen problemas; e é que, entre as súas filas contan con dous dos personaxes máis importantes para Lugo: César Augusto, emperador de Roma, e Paulo Fabio Máximo, fundador da cidade das murallas. Fan teatro e están presentes nos actos oficiais, pódese dicir que son a autoridade da festa. Teñen o seu campamento na praza da Constitución e pódese visitar o venres de 17.00 h. a 20.00 h., o sábado de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 19.30 h. e, o domingo, de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 19.00 h.

Que é o Senado?
É unha asociación máis do Arde Lvcvs que naceu no ano 2012. Este ano, estamos celebrando o décimo aniversario. Nace por iniciativa da Consellería de Cultura, cando estaba a cargo de Carmen Basadre. Ela considerou que, para completar a vida de Roma, debía haber tamén no Arde Lvcvs un senado.
O grupo de Teatro Nasdrovia foron os primeiros en darnos unhas pequenas leccións de teatro e, desde aí, estamos facendo unhas sesións de senado, durante o Arde Lvcvs, sempre en ton humorístico. Facemos un pouco de teatro, dentro da nosa pouca validez como actores, que non nos dedicamos a iso.

Cantos conformades a asociación?
Agora mesmo somos 34 compoñentes. A cousa está un pouco estancada. Cando comezamos coa asociación eramos 28 persoas, algúns marcharon e outros foron entrando. Ao levar dous anos sen festa a cousa está un pouco retraída, pero nós estamos felices de seguir sendo os mesmos, porque estes dous anos de pandemia, non se deu ningún de baixa nin houbo ningún percance.

Que levades este ano ao Arde Lvcvs?
Este ano, nós, coma sempre, levamos unha obra de teatro que se representará o sábado e o domingo no fondo da Praza Maior, nas escaleiras. O título é Thunnus balbo, é unha pequena parodia dun xogo de palabras. Pero non imos facer ningún spoiler, para que a xente vaia vernos. Pero, xa digo, todo en ton de humor.
Iso é o que vai dentro do programa xeral. Logo, dentro da nosa sede, que está na praza da Constitución, nós solemos facer Salvoconductos, para quen se pase por alí, que poida circular libremente pola festa. Tamén facemos xogos para nenos entre ás 11 e as 12.30 horas. E representamos unha obriña de teatro, que se chama Conxura Senatorial que terá lugar venres e sábado ás 17.00 horas.
Logo temos colaboracións con outras asociacións e, a maiores, acompañamos ás autoridades cando hai algún acto. Ademáis, temos con nós a César Augusto, e eu fago o papel de Paulo Fabio Máximo, fundador da cidade, e nos actos oficiais estamos sempre en todos.

Como credes que será este ano a festa, logo da pandemia?
Eu polo que puiden ver, nos días da ponte de maio ou estes días de primavera que está vindo moi boa, meteorolóxicamente falando, a xente ten moitas gañas de saír e divertirse e pasalo ben. Eu creo que este ano vai ser unha moi boa festa, polas ganas da xente de olvidarse da pandemia, aínda que non nos debemos olvidar, pero si, ila deixando un pouquiño de lado. As asociacións estamos volcadas en facer un montón de actividades e facer moitas cousas, novas ou non, pero que lle gusten á xente e queremos poñer moi en valor a festa para conseguir que non dean o título de Festa de Interese Turístico Internacional.
A todo isto, hai que contar co tempo, porque se chove, non hai festa que valla; agora, como veña un pouco de bo tempo estou convencido que vai ser unha das mellores festas, posiblemente, mellor que a do 2019.